Ir o contido principal
iniciar sesión

A Xunta promove un curso de dobraxe dirixido a actores e profesionais do sector

A Xunta de Galicia está a promover un curso de dobraxe, dirixido a actores e profesionais do sector que se desenvolverá entre os días 10 e 28 de outubro en Santiago. O curso está organizado en colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia, a Fundación Aisge e o Centro Multimedia de Galicia.

O curso diríxese non só a actores senón tamén a aquelas persoas que teñan feito cursos de dobraxe e desexen mellorar a súa técnica. Para acadar este obxectivo, os participantes traballarán activamente na dobraxe de series ou películas dos máis variados estilos, coa fin de abranguer as esixencias cotiás da profesión.

Duración

O curso desenvolverase ao longo de tres semanas, de luns a venres de 9:00 a 14:00 e os dous últimos venres prolongarase de 16:00 a 21:00 horas. A Xunta oferta 15 prazas e os inscritos serán seleccionados atendendo á orde de solicitude.

Para inscribirse no curso, os interesados deberán cubrir unha solicitude que se pode conseguir na sede do Consorcio ou a través da súa paxina web (http://www.consorcioaudiovisualdegalicia.org) e presentala xunto co seu curriculum. Pódense presentar estes documentos tanto na propia sede do Consorcio como a través do seu correo electrónico (info@consorcioaudiovisualdegalicia.org) ou mediante Fax ao número 981545847. A data límite para as inscricións finaliza o 26 de setembro.


Titor do curso


O curso será impartido por Luís Iglesias, actor con experiencia nos eidos teatral e no da televisión e o cine. Traballa como actor e director de dobraxe dende o ano 1987 impartido ou participando como convidado en diversos cursos de dobraxe e locución.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia