Ir o contido principal
iniciar sesión

O conselleiro Fernando Blanco comprométese a garantir as mellores condicións de traballo para os investigadores

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, comprometeuse a traballar para mellorar a situación actual dos investigadores que están a desenvolver o seu labor en Galiza, nunha reunión que mantivo cos colectivos de investigadores Ramón y Cajal e Parga Pondal, e na que tamén participou o director xeral de I+D+I, Salustiano Mato. Blanco asegurou que “recuperar a intelixencia do País vai ser unha das prioridades” da súa consellería. “Traballaremos para garantirlles aos nosos investigadores as mellores condicións para o desempeño das súas funcións, porque isto é importante para eles pero tamén para o conxunto da sociedade galega”, explicou o conselleiro.

Fernando Blanco subliñou que a esta tarefa “queremos vincular as diferentes administracións, á iniciativa pública pero tamén á privada”. “Estamos iniciando as xestións que permitan que estes obxectivos se poidan cumprir”, engadiu. Neste sentido, o titular de Innovación e Industria comunicou aos investigadores que o Goberno Galego está a traballar nun Plan Xeral de I+D+I no que se incluirá un plan horizontal dedicado especificamente aos recursos humanos da investigación.

Asemade, a Consellería tamén traballa na firma dun convenio de colaboración co Ministerio de Educación e Ciencia que posibilite a creación de postos de traballo estables nas universidades no eido da investigación, e prepara tamén un estudo para obter un censo do colectivo e da situación na que se atopa actualmente.

O conselleiro nacionalista tamén avanzou que, no curto prazo, o obxectivo é buscar fórmulas para mellorar a situación actual dos investigadores, facilitándolles o acceso a postos de traballo estables e a súa incorporación ao sistema de I+D+I no futuro. “Non nos podemos permitir o luxo de perder a ningún dos investigadores que decidiron desenvolver o seu traballo en Galiza, senón que temos que ser capaces de que o noso sistema de I+D+I absorba aínda a máis investigadores”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia