Ir o contido principal
iniciar sesión

Teresa Nieto, Premio Nacional de Danza en 2004, abre a programación de outono en Tui



O Premio Nacional de Danza de 2004, Teresa Nieto, abre o próximo 7 de outubro a Programación de Outono no Teatro Municipal de Tui.
Dezaseis espectáculos, cun orzamento de 48 mil euros, conforman a oferta cultural que neste espazo se presenta ata finais de decembro.



Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura, Comercio, Turismo e Medios de Comunicación explica que “empezamos con moita forma, con moita calidade, e cunha programación que esperemos sexa do gusto de todo o público”. E fai fincapé nas tres actividades programadas para os escolares do municipio indicando que “dende a Concellería de Cultural entendemos que é importante ir enganchándoos dende pequenos ao hábito do teatro,á programación do Teatro”.



Teresa Nieto coa súa compañía porá sobre o escenario do Teatro Municipal de Tui o espectáculo “Consuelo”. Unha montaxe chea de forza e de sentimento á que darán vida á propia Teresa Nieto xunto aos bailaríns Claudia Faci e Jesús Caramés, o venres 7 de outubro ás 21.30 h.

A danza volverá ao Teatro o 28 de outubro coa compañía madrileña Aracaladanza que presenta na cidade o espectáculo “Nada...nada”, e Ballet Studio de Santiago presentará o 18 de novembro “O que viven as rosas”.


O teatro terá presenza destacada nesta programación de Outono, tanto con compañías chegadas dende fóra de Galicia coma con outras galegas. Yllana de Madrid representará “Olimpiaff” e Animalario, tamén madrileña, achega á cidade “Últimas palabras de Copito de nieve”, mentres Lasal Teatro de Granada porá en escena en “Aguaire” a curiosa historia de amizade dun peixe e un pescador. Pero tamén as compañías galegas estarán presentes con Teatro de Ningures e a obra “Tartufo”, Sarabela Teatro con “O heroe”, e Títeres Tompicallo con “Jiñol”.


Na programación de Outono teremos a oportunidade de gozar en Tui co contacontos musical “Vento Mareiro” de Avelino González e o Cuarteto Caramuxo. E a música virá da man de Xistra de Coruxo co seu último traballo “Tres nun” , e da Coral Polifónica da SI Catedral e da Banda de Música Popular de Tui no concerto de Fin de Ano.


Pero amais o 2 de decembro haberá a oportunidade de volver ollar os documentais gañadores do I Festival Internacional de Documentais Play Doc.


A estas actividades dirixidas ao público en xeral súmanse as representacións para os escolares que se van desenvolver no mes de outubro. Sarabela Teatro representará, o martes 4, para os escolares do CEIP nº,nº2 de Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns e Maristas “A gata con botas” e o mércores 5 Tanxarina Teatro terá o mesmo público en “Os narigudos”. Mentres os alumnos dos dous institutos de Tui, o San Paio e o Francisco Sánchez asistirán o 27 de outubro ao espectáculo “Disque...” de Disque Danza.


A Concellería de Cultura do Concello de Tui para levar adiante esta programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o IGAEM a Deputación de Pontevedra e Caixanova.
Concellería de Cultura, Comercio,Turismo e Medios de Comunicación
Excmo. Concello de Tui