Kalandraka edita, por primeira vez en galego, álbumes ilustrados de Eric Carle

Seguindo o relato, os cativos fan un percorrido polos días da semana, os números e un amplo surtido de froitas e larpeiradas. O curso da natureza fai que a pequena eiruga experimente un considerable crecemento, momento no que tece o casulo onde se producirá a metamorfose. Nas páxinas centrais destaca o troquelado que representa os bocados que vai dando a eiruga.
A xoaniña rosmona data de 1977 e constitúe unha lección de boas maneiras. A mala educación da protagonista contrasta coa amabilidade doutra conxénere. As palabras “grazas” e “por favor” non forman parte do seu vocabulario. En cambio, o seu comportamento é unha procura constante de pelexa cos seres máis variopintos, sen importarlle o tamaño.
Destaca a maquetación, con páxinas de diferentes dimensións, máis grandes canto máis avanzan as horas do día. Porque A xoaniña rosmona é un producto global, no que tipografía, ilustración e relato van da man, tecendo unha estructura circular. Os lectores aprenderán a adquirir bos modais, medir o tempo e distinguir as formas, facendo unha viaxe pola natureza e os animais que a poboan por terra, mar e aire.
A natureza é un elemento de referencia constante na obra de Eric Carle, que tamén introduce conceptos de utilidade para que os nenos aprendan a manexarse no mundo que os rodea. A técnica do collage é outra das señas de identidade de Carle, que aplica unha técnica moi persoal, a base de papeis pintados á man.

Eric Carle ten dito: “Con moitos dos meus libros intento tender unha ponte entre o fogar e a escola. Para min o fogar representa afecto, seguridade. A escola é un lugar estraño e novo para o neno”.
Para o autor “o paso do fogar ao colexio é o segundo maior trauma da nenez”, despois do nacemento. “En ámbolos casos deixamos un lugar de calidez e protección por outro descoñecido”, explica Eric Carle, que confía na creatividade innata dos nenos: “Nos meus libros intento conter ese temor, reemplazalo cunha mensaxe positiva, e quero ensinarlles que aprender é realmente fascinante e divertido”, afirma Carle.
Kalandraka Editora (Dpto. Comunicación)