Ir o contido principal
iniciar sesión

Educación convoca axudas á promoción de profesións non vocacionais demandadas no mercado laboral

A Consellería de Educación vén de convocar axudas para alumnos que inicien durante o curso 2005/06 ensinanzas de formación profesional específica de grao medio en familias profesionais non vocacionais. A Administración educativa financia esta iniciativa, que supón un custo total de 150.000 euros, xunto co Fondo Social Europeo.

O Plan Galego de Formación Profesional contempla un plan específico de promoción de profesións non vocacionais demandadas no mercado de traballo para favorecer o necesario equilibrio entre os profesionais que precisa o mundo laboral e a cualificación dos traballadores.

Esta iniciativa ten como obxectivo potenciar entre a xuventude aquelas familias profesionais e aqueles ciclos formativos de grao medio das ensinanzas de formación profesional específica que, aínda que son pouco demandadas polo alumnado, contan con perspectivas de inserción laboral.

En relación a isto, e segundo a Orde publicada o luns, 12 de setembro, no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, cun importe total máximo de 150.000 euros, destinadas ao alumnado que inicia no curso académico 2005/06 ensinanzas de formación profesional específica de grao medio de oito familias profesionais.

Ensinanzas beneficiadas

Os alumnos que se verán beneficiados por estas axudas serán os que cursen algún dos seguintes ciclos formativos de grao medio ou módulos experimentais: Traballos forestais e de conservación do medio natural, Xardinaría, Explotacións agrarias extensivas, Explotacións agrícolas intensivas, e Explotacións gandeiras, da familia profesional de Actividades Agrarias; Operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque, e Pesca e transporte marítimo, da familia profesional de Actividades marítimo-pesqueiras.

Ademais, tamén serán subvencionados os módulos experimentais de nivel 2 de Albanelería e Cubrición de edificios: lousas, e o ciclo medio en réxime de persoas adultas de Acabamentos de construción, da familia profesional de Edificación e obra civil; os ciclos medios de Planificación e repostería, Elaboración de produtos lácteos, e Conserveira vexetal, cárnica e de peixe, pertencentes á familia profesional de Industrias alimentarias; Instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e condución de liñas, da familia profesional de Mantemento e servizos á produción; o ciclo formativo de grao medio de Confección, da familia profesional de Téxtil, confección e pel; e Operacións de fabricación de produtos cerámicos, da familia profesional de Vidro e Cerámica.

Contía das axudas

A contía das axudas individuais será única e poderá ascender ata un máximo de 400 euros por persoa beneficiaria. Poderase beneficiar destas axudas o alumnado que se matricule por primeira vez no curso 2005/06 nalgún ciclo formativo de grao medio ou módulo experimental nos indicados anteriormente, en centros de educación secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia en que ditas ensinanzas estean sostidas con fondos públicos.

A documentación necesaria para participar nesta convocatoria, así como os anexos que se deberán cumprimentar, está recollida na Orde do 12 de xullo de 2005 publicada no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación das solicitudes, que se dirixirán á secretaría do centro onde o alumno vaia cursar os estudos, será de 40 días naturais contados desde o martes 13 de setembro, polo que rematará o 22 de outubro. Excepcionalmente, o alumnado que se matricule con posterioridade ao prazo sinalado disporá de cinco días naturais, contados a partir da data de matriculación no ciclo, para presentar a súa solicitude. A concesión ou denegación da axuda será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Obxectivos das axudas

As axudas para titulacións non vocacionais concédense para ciclos medios, fundamentalmente, porque o mercado laboral precisa en maior medida de técnicos, que son os que se forman nos ciclos medios de formación profesional. Ademais, son estes estudos os que se ven beneficiados con este tipo de axudas da Administración pola necesidade de incentivar aos alumnos que rematan a ESO co obxectivo de que reciban unha mellor cualificación que lles permita unha mellor inserción laboral ou continuar ensinanzas posteriores.

Os principais obxectivos destas axudas son, entre outros, favorecer o equilibrio entre os profesionais que precisa o mercado laboral e as cualificacións dos traballadores, e proporcionar recursos humanos cualificados a determinados sectores produtivos da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, a concesión destas axudas tamén persigue o fomento de accións que estimulen a elección de opcións profesionais mediante as que os alumnos poidan incorporarse con máis facilidades ao primeiro emprego. Por último, a Consellería de Educación pretende, a través destas axudas, promover o desenvolvemento do medio rural.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia