Ir o contido principal
iniciar sesión

A Mocidade pola Normalización Lingüística reclama a publicación do novo álbum de Astérix e Obélix en galego

Entre estes 25 non estará o galego, mais si o castelán e o catalán. A Mocidade pola Normalización Lingüística (sección xuvenil da Mesa) está a facer xestións nos últimos días tanto para conseguir a colaboración da Xunta de Galiza para este tema, como para coñecer a disposición da editora que posúe os dereitos desta obra para o Estado á hora de publicar a tradución para a nosa lingua.

En canto ao primeiro, o Director Xeral de Cultura, Luís Bará, xa mostrou o seu interese nesta tradución e adiantou que pola súa parte fará as xestións precisas para conseguila. No que se refire á editora, Salvat - Bruño, de momento comunicaron a esta asociación xuvenil que non teñen previsto editar o novo álbum de Astérix en galego. Polo menos non o farán no momento do lanzamento mundial, o que Mocidade pola Normalización Lingüística considera unha discriminación inexplicábel. O feito de que a nova entrega de Astérix en galego apareza nunha data posterior á versión en castelán implica que moitos destes seguidores, potenciais compradores da versión en galego, van optar por comprar a que saia á venda en primeiro lugar.

En calquera caso, a Mocidade pola Normalización Lingüística agarda que apareza nos próximos días a nova de que se vai editar en galego a última entrega das aventuras de Astérix e Obélix. O colectivo xuvenil agarda igualmente que no futuro as empresas editoras teñan en conta que o mercado do libro en galego tamén está pendente das publicacións máis recentes, e que os mozos e mozas galegos están interesados en ler obras na súa lingua, sen ter que agardar meses ou anos a respecto das traducións para o castelán.

Para que a editora teña constancia de que existe unha demanda en Galiza de que esta estrea da banda deseñada saíse tamén na nosa lingua, desde as Mocidades da Mesa estase a facer un chamamento para que a poboación se dirixa a Salvat – Bruño, ben a través do correo electrónico (acliente@editorial-bruno.es, pedidos@editorial-bruno.es ou informacion@editorial-bruno.es) ou ben a través do correo postal á rúa Maestro Alonso, 21, código 28028 Madrid.
Mocidade pola Normalización Lingüística