Ir o contido principal
iniciar sesión

A media de pacientes atendidos nos últimos cinco anos nos centros do Plan Galicia sobre Drogas supera os 11.000 enfermos anuais

Para avaliar a efectividade e eficiencia dos tratamentos realizados nos dispositivos da rede de drogodependencias galega, o Plan de Galicia sobre Drogas desenvolveu un catálogo de programas asistenciais e, simultaneamente, un Sistema de Avaliación Asistencial, que se implantou no ano 1994 en todos os centros ambulatorios da rede. Mediante este sistema de avaliación se coñecen as características dos pacientes admitidos nos centros así como as características do proceso asistencial, posibilitando a planificación e a toma de decisións en materia de drogodependencias por parte da Consellería de Sanidade.

A tal efecto, o departamento que dirixe María José Rubio Vidal vén de editar a publicación número 33, da súa colección de drogodependencias, baixo o título: Sistema de Avaliación Asistencial. Informe 2003. No mesmo recóllese que, nos últimos anos, a media anual de pacientes atendidos polos centros dependentes do Plan Galicia sobre Drogas sitúase ao redor dos 11.000. A esta cifra hai que engadir os máis de 2.000 pacientes atendidos anualmente nas prisións ubicadas en Galicia.

Evolución

Ao analizar a evolución do número total de pacientes atendidos obsérvase que este incrementouse notablemente no período 1992-1995, pasando de 3.957 a 10.310 pacientes, e continúa a partir de aquí unha suave tendencia ascendente.

Como recolle a publicación de Sanidade, obsérvanse grandes diferenzas entre os pacientes dependendo se acoden por primeira vez a tratamento ou non. Con respecto á variable “droga principal que motiva o tratamento”, queda reflectido que no período 1996-2003 a heroína se mantén como a droga que motiva a maioría das admisións a tratamento na rede asistencial do Plan de Galicia sobre Drogas, que dirixe Víctor Pedreira Crespo. Non obstante, ao analizar as admisións novas, é dicir, sen tratamentos anteriores, do ano 2003, obsérvase que as admisións por cocaína (41,2%) xa superaban por vez primeira ás de heroína (36%). Os que foron admitidos e xa recibiron tratamento anterior representaban no ano 2003 un 79,9% no caso da heroína e un 13,6% no da cocaína.

Así, o informe reflicte que ao analizar a evolución das principais substancias que motivan os tratamentos, observamos que, dende 1996, a heroína descende de xeito continuado entre os pacientes que acoden por primeira vez a un centro ata acadar unha porcentaxe do 36% no ano 2003, mentres que entre aqueles pacientes xa tratados con anterioridade se confirma un descenso suave iniciado no ano 2001.

No caso doutras substancias (cocaína, cannabis e drogas de síntese), e se se ten en conta só os pacientes que acoden a tratamento por vez primeira, obsérvase que tanto a cocaína como o cannabis amosan tendencia ascendente –moito máis acusada no caso da cocaína-. As admisións por cocaína foron as que experimentaron un maior aumento, pasando dun 26,2% en 2002 a un 41,2% no 2003. Isto quere dicir que nese ano 2003, entre os pacientes que acudían por primeira vez a tratamento ás Unidades do Plan de Galicia sobre Drogas, aumentaron en 15 puntos porcentuais os que o facían por cocaína con respecto ao 2002. Pola contra, no caso das drogas de síntese, no período 1996-2003 obsérvase unha porcentaxe estabilizada ao redor do 1-2%.

Se se ten en conta a poboación que xa recibira tratamento previamente, obsérvase que aumenta moito a porcentaxe de admisións por cocaína (pasa do 4,3% do 2000 ao 13,6% do 2003) mentres que o cannabis e as drogas de síntese se manteñen estables.

En resumo, a publicación de Sanidade recolle que no ano 2003, igual que en anos anteriores, as características dos pacientes que acudiron por vez primeira a tratamento, en comparación cos que xa recibiron tratamento anteriormente, son: mellor situación sociolaboral, menor prevaleza de patoloxías asociadas e episodios de urxencia por sobredose, menor frecuencia de problemática legal e penal, menor uso da vía parenteral (intravenosa), menor antigüidade no consumo da droga principal e, por último, menor prevaleza da heroína como droga que motiva o tratamento e maior de cocaína e do cannabis.

Altas terapéuticas e permanencia nos centros

No estudo publicado pola Consellería de Sanidade, que dirixe María José Rubio Vidal, recóllese que un dos principais motivos de alta dun paciente dun determinado programa (ben sexa do de Tratamento con Derivados Opiáceos, do de Tratamento con Antagonistas Opiáceos ou do de Tratamento Libre de Drogas) é o cambio de programa. Deste xeito, os pacientes a pesar de saír do programa seguen a tratamento na rede pública. Este dato, ademais de explicar a tendencia ao incremento progresivo do volume asistencial, confirma a necesidade de diversificación da oferta terapéutica que existe na actualidade nos centros galegos.

Outro dato que apoia este incremento é a constatación de que os abandonos dos tratamentos están estabilizados nos últimos cinco anos ao redor do 15-25%, segundo se trate dun programa de maior ou menor esixencia terapéutica.

A partir da análise dos indicadores de permanencia, asistencia e actividades, constátase un aumento progresivo da permanencia a tratamento nos programas de Tratamento con Antagonistas Opiáceos (pasouse dos 192 días do ano 1996 aos 462 días do anos 2003) e no Programa de Tratamento con Derivados Opiáceos (pasouse dos 245 días de 1996 aos 671 días do ano 2003). Pola súa banda, o Programa de Tratamento Libre de Drogas pasou dos 182 días de 1996 aos 246 de 2003. O programa que rexistra máis altas terapéuticas é o libre de drogas, dado que se trata dun programa finalista previo á alta, que no 2003 acadou ao redor dun 25 por cento.


Doutra banda, no caso da análise das intervencións realizadas no curso do proceso asistencial, hai que destacar a alta porcentaxe rexistrada no programa de tratamento con metadona, o que desmitifica a idea de que este programa limítase á administración deste fármaco, polo menos no que a Galicia se refire.


Indicador de mortalidade


Esta nova publicación de Sanidade recolle que no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2003 estudáronse 44 casos de mortes por reacción aguda tras consumo de substancias psicoactivas, ocorridas na nosa Comunidade Autónoma, dos que finalmente foron confirmados 38. Esta cifra é menor que a do ano 2002, no que o número de mortes por esta causa foran 56. Dende o inicio de funcionamento deste indicador en Galicia, rexístrase unha tendencia ao decaemento do número de falecidos por esta causa.

Do estudo dos casos confirmados dedúcese que todas as mortes producidas no ano 2003 por reacción aguda a drogas de abuso foron producidas por sobredose. A distribución dos casos estudados en relación cos meses do ano reflicte que o maior número de falecementos tivo lugar nos meses de xaneiro e decembro, con 6 e 5 casos comunicados respectivamente.

Respecto do día da semana no que máis casos se rexistran, é o sábado con 13 (24,2 por cento). No que se refire ás provincias, o maior número de mortes produciuse na de Pontevedra con 18 e A Coruña con 15. As outras 5 tiveron lugar na de Ourense.

O 68,4 por cento de todos os falecidos por reacción aguda a drogas está englobado no intervalo de idade comprendido entre os 25 e os 39 anos. Sendo a idade media de 33,24. En canto ao sexo dos falecidos, existe un claro dominio do sexo masculino (35 falecementos) fronte ao feminino (3).

No que atinxe ao lugar onde aparecen os cadáveres, 19, é dicir a metade, foron atopados no seu domicilio, 8 (21,05 por cento) na rúa, e en catro ocasións faleceron en centros hospitalarios.

Os resultados toxicolóxicos confirman o patrón de policonsumo dos falecidos. Así, no ano 2003, o maior número de mortes produciuse logo da administración de cocaína (16 casos, 42,1%), ben como única substancia, ou ben asociada a outras, o que confirma a tendencia dos últimos anos. En cambio o consumo de heroína tivo unha redución con só 8 casos. Así, mentres no ano 2002 as mortes producidas polo consumo de heroína representaban o 35,7% de todas as ocorridas, no ano 2003 esa porcentaxe diminuíu ata o 21,05 por cento.

Por último, destacar que este Sistema de Avaliación Asistencial, así como o Indicador de Mortalidade por reacción aguda ao consumo de drogas, están incluídos no Conxunto Básico de Indicadores de Drogodependencias do Observatorio de Galicia sobre Drogas, que constitúe un elemento imprescindible para a planificación e avaliación das estratexias de intervención propostas polo Goberno de Galicia fronte ás drogodependencias e patoloxías asociadas, para, deste xeito, acadar unha mellora da calidade de vida dos afectados, familiares e sociedade en xeral.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia