Ir o contido principal
iniciar sesión

O director xeral de Comunicación Audiovisual asiste á preestrea do Desenlace, a última longametraxe da productora galega Atlántico Films

A aula de Cultura de Caixa Galicia de Santiago será o escenario da preestrea Do Desenlace, última longametraxe da produtora galega Atlántico Films. A proxección que terá lugar ás nove da noite, contará coa presenza do director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.

O filme, rodado en Santiago e Vigo entre os meses de outubro e novembro do ano pasado, é unha produción de Pilar Sueiro para Atlántico Films e contou co apoio da secretaría xeral de Comunicación da Xunta á produción audiovisual, así como coa do ICAA do Ministerio de Cultura e co soporte financeiro do ICO.

O pasado mes de setembro O Desenlace obtivo O Premio Especial do Xurado (Mención de honra) no Festival de Cine Latino de Nova York, LaCinemaFe, ademais de participar na Selección Oficial do Festival de Cine de Moscú.


O filme, que clausura oficialmente a etapa histórica da derradeira vangarda europea, o movemento Dogma 95, forma parte da triloxía Dogma desta produtora, xunto cos títulos Érase outra vez e Días de voda os cales acadaron unha destacada participación en festivais internacionais.

O filme

O desenlace, escrita e dirixida por Juan Pinzás, está interpretada por José Sancho, Beatriz Rico, Javier Gurruchaga, Carlos Bardem, Miquel Insua, Isabel de Toro, Víctor Rueda e Fernando Epelde, entre outros. O argumento conta como o director de cine Mikel de Garay e a atractiva produtora Andrea Bilbao, que ocultan un escuro pasado, traballan nunha película baseada na última novela do escritor Rosendo Carballo, con tendencias homosexuais, que rompe co seu matrimonio de conveniencia para compartir a súa vida cun xove gay. Ao encontro de Rosendo con Mikel e Andrea súmanse tres amigos do escritor, Fernando, Beatriz e Nacho. O conflito xorde de xeito inesperado cando as personaxes poñen en práctica un xogo perigoso: escarvar nos seus respectivos pasados agardando que se produza a catarse.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia