Ir o contido principal
iniciar sesión

Éxito de convocatoria do Curso de Dobraxe organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE

O luns 26 de setembro pechou o prazo de inscrición no Curso de Dobraxe organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE. Chegaron case un centenar de inscricións, aínda que solo se ofertaban 15 prazas.
A selección realizouse tendo en conta os criterios descritos na convocatoria e os obxectivos deste curso, que está dirixido principalmente a actores que desexen coñecer ou mellorar a técnica co fin de autodobrarse nas producións que así o requiran, e tamén a aquelas persoas que tendo feito cursos de dobraxe queiran gozar da posibilidade dun novo achegamento a esta técnica.
O curso desenvolverase ao longo de 3 semanas (80h), do 10 ao 28 de outubro. As sesións terán lugar de luns a venres, de 9:00 a 14:00, e os dous últimos venres tamén de 16:00 a 21:00, e será impartido por Luis Iglesia Besteiro, actor con experiencia no teatro, TV e cine, e que dende o ano 1987 traballa como actor e director de dobraxe, impartindo ou participando como convidado en diversos cursos de dobraxe e locución.
Coa realización deste curso séguese a traballar no plan de formación actoral para o ano 2005, no marco do cal xa se desenvolveron dous cursos - curso de inglés audiovisual e curso de voz –, e que contempla tamén a realización dun taller de interpretación.
Para o desenvolvemento deste plan, Consorcio e Fundación firmaron un convenio de colaboración no que se prevé o patrocinio, por ámbalas dúas partes, de todos os cursos e talleres contemplados no mesmo e que serán organizados polo Consorcio.

Consorcio Audiovisual de Galicia