Ir o contido principal
iniciar sesión

Innovación concede 183 bolsas para investigar en centros de excelencia de todo o mundo

A Consellería de Innovación e Industria vén de conceder 183 axudas para realizar estadías en centros de investigación de fóra da nosa comunidade. Trátase dunha acción que se enmarca dentro do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I e que tén como obxectivo favorecer a actualización de coñecementos e a adquisición de novas técnicas de investigación, así como completar a formación de investigadores galegos mediante a súa incorporación temporal a centros de investigación de fóra de Galiza. A esta iniciativa para o fomento da formación de investigadores e personal do Sistema Galego de Innovación, a Consellería de Innovación e Industria destina un orzamento de máis dun millón de euros (1.023.855 euros).

O destino dos bolseiros seleccionados abrangue dende centros de investigación ubicados en distintas cidades do territorio nacional (entre as que se atopan Madrid Barcelona ou Sevilla), que acollerán a 24 beneficiarios das bolsas, até organismos espallados por todo o mundo. A maioría dos bolseiros (108) realizarán as súas estadías en países do resto de Europa, entre os que cabe destacar Portugal (que acollerá a 26 bolseiros); Reino Unido e Italia (que recibirán 16 investigadores cada un) e Francia (onde investigarán 15 bolseiros). Outros países destinatarios do programa son Estados Unidos (que recibirá a 24 investigadores); Canadá (que recibirá a 6) e distintos países de Latinoamérica (18 beneficiarios das axudas desenvolverán os seus traballos de investigación en Chile, Brasil, México, Perú, Arxentina e Venezuela). Xapón, Filipinas e Australia serán tamén lugares de destino para outros tantos bolseiros beneficiarios deste programa de estadías da Consellería de Innovación e Industria. En canto ao xénero dos investigadores, compre sinalar que hai un certo equilibrio nas cifras: dos 183 bolseiros, 97 son homes e 86 mulleres.

Existen tres modalidades de estadías: estadías de até seis meses para funcionarios e contratados doutores e non doutores; estadías postdoutorais de até doce meses para doutores recentes e estadías de tres meses para bolseiros predoutorais da Dirección Xeral de I+D+I e asimilados. O importe desta bolsa oscila, en cada caso, entre os 1.000 e os 1.800 euros mensuais, ao que se lle suma un aporte institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes.

A formación de investigadores e tecnólogos é un dos piares fundamentais do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I, que tén como finalidade a formación de personal investigador en número abondo para satisfacer as necesidades do sistema, con especial énfase nas áreas que son máis demandadas polos diferentes sectores. Ademáis destas axudas para estadías en centros de investigación fóra da comunidade autónoma galega, o Programa de Recursos Humanos inclúe outras iniciativas entre as que se atopan as bolsas predoutorais, para a realización da tese de doutoramento; as bolsas de Terceiro Ciclo, para a realización dos cursos de doutoramento, ou o programa Isidro Parga Pondal, para a contratación de doutores por organismos públicos de investigación de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia