Ir o contido principal
iniciar sesión

A compañía madrileña Yllana representa este venres en Tui a comedia “Olimplaff”

O Teatro Municipal de Tui na Área Panorámica encherase este venres, ás 20.30h, de risas coa representación da obra “Olimplaff” a cargo da compañía madrileña Yllana. Durante 70 minutos está garantido o mellor humor sobre o escenario, pero tamén nas butacas, xa que desaparecen os límites entre os actores e os espectadores.

En “Olimplaff” tres deportistas compiten para lograr o posto máis alto no podio dunhas tolas Olimpiadas organizadas por Yllana. Para logralo farán uso de todo tipo de tretas e artimañas nas que o espectador tamén vai ser involucrado.



Olimplaff é un espectáculo para toda a familia no que tres actores, ao través da linguaxe xestual, sorprendentes números visuais, o clown e pantomima farán as delicias dos máis pequenos facéndoos vivir un momento único e inesquecible.



Sobre o escenario van estar os actores César Maroto, Guss, Juan Francisco Dorado “Janfri”. Eles dan vida aos tres deportistas que por exemplo en waterpolo fan guiños á película Matrix , ou no partido de tenis lembran a Charlot.




Yllana, humor sen palabras



Yllana formouse en 1991, demostrando dende entón coma facer humor sen palabras. O seu idioma escapa do corpo cunha enerxía desenfreada, cun estilo directo no que combinan enxeño e risco. Yllana acelera a linguaxe da onomatopeia creando un mundo surrealista e delirante onde todo pode acontecer. Ata o de agora produciron nove espectáculos, todos eles con suxerentes títulos


As entradas para “Olimplaff” poranse á venda o venres ás 4 da tarde na billeteira da Área Panorámica ao prezo de 3€. Contémplanse descontos para os posuidores do carné xove ou máis, carné de estudante, xubilado, minusválido ou familia numerosa que aboarán só 2€, e os nenos menores de 14 anos pagarán 1 euros. O espectáculo comezará ás 20.30h.

Concellería de Cultura, Comercio,Turismo e Medios de Comunicación