Ir o contido principal
iniciar sesión

Xúlio Lago recrea para o CDG o Teatro dentro do teatro, de seis personaxes á procura do autor

. O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura o 14 a súa temporada teatral 2005-2006 coa estrea en Santiago de Seis personaxes á procura de autor, de Luigi Pirandello, produción coa que a compañía pública incorpora ao seu repertorio un dos textos de referencia do teatro universal contemporáneo. O espectáculo foi presentado hoxe pola conselleira de Cultura e Deporte e presidenta do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Ánxela Bugallo, nun acto no que tamén participou Xúlio Lago, director da montaxe, e unha representación do equipo artístico.


Lago, autor así mesmo da dramaturxia, púxose á fronte dun elenco de 15 actores, dous deles nenos, para recrear o xogo do “teatro dentro do teatro” co que o nobel italiano revolucionou a escena do seu tempo, sinalando un antes e un despois na definición de espectáculo teatral.


As funcións de estrea desta nova montaxe terán lugar os días 14, 15 e 16 (venres e sábado, ás 21.00 horas; e domingo, ás 18.00) no Salón Teatro de Santiago, onde será escenificada ata o vindeiro 13 de novembro. Este escenario compostelán acollerá cinco representacións semanais: tres reservadas para escolares –mércores, xoves e venres, ás 11.00 horas– e dúas abertas ao público en xeral –sábados, ás 20.30 horas; e domingos, ás 18.00–.



ESPAZO ESCÉNICO TOTAL


Na proposta de Xúlio Lago, o patio de butacas convértese tamén en espazo para a escenificación deste drama, no que os espectadores teñen ao seu carón aos seis personaxes, que rexeitados polo seu creador antes de ser plasmados sobre o papel, se presentan ante un director e os seus actores, que ata ese momento ensaiaban unha comedia absurda. A pretensión dos visitantes é revivir sobre o escenario a súa tráxica historia.

A partir de aquí, os límites entre a realidade e a ficción dramática comezan a esvaecerse: a dor, os remorsos e o rancor que senten uns polos outros confírenlles unha autenticidade que contrasta coa aparencia artificial dos actores, seres estereotipados que se pensan sabedores de todo sobre o teatro.

Miguel Pernas, María Barcala, Muriel Sánchez, Xosé Manuel Esperante, o neno Adrián Seijas e a nena Laura Míguez dan vida aos “seis personaxes”, mentres que os integrantes da compañía teatral son interpretados por Gustavo Pernas Cora, Rebeca Montero, Damián Contreras, Ánxela G. Abalo, Lucía Regueiro, Toño Casais, Xan Cejudo, Jouse García e Marcos Viéitez.



A dramaturxia sobre o texto de Pirandello foi realizada por Lago a partir da tradución ao galego de Xosé Manuel Pazos. Antonio Simón asina a escenografía e o vestiario, ademais da iluminación, responsabilidade esta última compartida co director. No espectáculo tamén participan Dolores Centeno, a cargo da maquillaxe e da perruquería; así como Imma António e Santi Mañasco, axudante e auxiliar de dirección, respectivamente.



METATEATRO


Estreada por vez primeira en 1921, Seis personaxes á procura de autor supón o nacemento da metateatralidade e incorpora, así mesmo, outros elementos innovadores a través dos que Pirandello analiza a complexidade da arte escénica, ao tempo que propón unha profunda reflexión filosófica e psicolóxica sobre a condición humana.


Este texto conxuga a meirande parte dos elementos que definen a extensa e variada produción literaria do autor siciliano (Agrigento, 1867-Roma, 1936), que foi recoñecido co Premio Nobel de Literatura no ano 1934. Ademais, son numerosos os especialistas que coinciden en destacar Seis personaxes á procura de autor como unha obra clave para entender non só a evolución da dramaturxia moderna, senón tamén da historia do pensamento do século XX.


Tralo período de exhibición en Compostela, o CDG comezará a xira deste espectáculo durante a que, inicialmente, visitará Vigo (26 e 27 de novembro), Narón (2 e 3 de decembro), A Coruña (9 e 10 de decembro) e A Estrada (15 e 16 de decembro).
Gabinete de Comunicación do IGAEM