Ir o contido principal
iniciar sesión

A Xunta e o Ministerio de Vivenda asinan un convenio para dinamizar o mercado de aluguer en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e a ministra de Vivenda, María Antonia Trujillo, subscribiron no Pazo de Raxoi un protocolo de colaboración entre este departamento e a comunidade autónoma para dinamizar o mercado galego do aluguer mediante a ampliación da oferta de vivendas en réxime de arrendamento.

Con este protocolo, ponse en funcionamento na comunidade autónoma a Sociedade Pública de Aluguer (SPA), creada o pasado mes de abril polo departamento que dirixe María Antonia Trujillo, e fíxase un marco de colaboración entre ambas administracións para impulsar o mercado do aluguer en Galicia. Deste xeito, ambos Gobernos comprométense a promover as actuacións necesarias para ofrecer ao mercado de aluguer as vivendas que se reciban na SPA, fixando as condicións específicas para a súa utilización e garantindo que se destinen aos fins previstos.

Este convenio establece un sistema de colaboración entre o Ministerio de Vivenda e a Consellería de Vivenda e Solo -cuxa titular, Teresa Táboas, estivo tamén presente na sinatura do mesmo- e será desenvolvido por un protocolo posterior.

En declaracións aos xornalistas, María Antonia Trujillo destacou que dende a posta en marcha da SPA se superaron os obxectivos previstos polo seu de departamento dado que pretendía que este ano xestionara 1.000 vivendas e actualmente, o parque ascende ao dobre. “A SPA pretende dinamizar o mercado, dar seguridade ao propietario e dar máis oferta e un aluguer máis asequible ao inquilino”, salientou Trujillo, quen lembrou que o obxectivo do seu departamento é establecer a sinatura de convenios de colaboración coas distintas comunidades, como xa fixo xa con Cantabria e con Galicia.

A ministra de Vivenda lembrou que as vivendas xestionadas pola SPA garántenlle aos seus propietarios o cobro dunha renda durante o período de cesión, independentemente de que estea arrendada por un inquilino, e benefíciase asemade dun seguro de multiasistencia e multirrisco. E o arrendatario benefíciase dun aluguer un 10 ou 15% máis barato có prezo do mercado.

Na súa intervención, a ministra lembrou o “compromiso firme e decidido” do Goberno con Galicia como o demostra que fora unha das comunidades máis beneficiadas polo plan de choque aprobado o ano pasado. De feito, 16.000 familias beneficiáronse deste programa, o que supuxo un desembolso de 24 millóns de euros. E adiantou que o próximo plan de vivenda 2005-2008 prevé financiar máis de 32.000 vivendas en Galicia para o que destinará máis de 300 millóns de euros.

A ministra incidiu ademais noutras liñas de traballo seguidas polo seu ministerio en Galicia, como os acordos de rehabilitación de vivendas, a conservación do patrimonio arquitectónico ou a construción de polígonos empresariais –un total de 23 parques en Galicia cun investimento de máis de 100 millóns de euros-.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia