Ir o contido principal
iniciar sesión

Emilio Pérez Touriño anuncia a creación dun foro da Cultura Emprendedora e dun ticket do emprendedor dirixido a incentivar a creación de novos proxectos e empresas

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou a posta en marcha dun Foro da Cultura Emprendedora e a creación dun tícket do emprendedor co fin de apoiar e incentivar a creación de novos proxectos e empresas. O titular do Goberno galego comprometeuse, durante unha xuntanza mantida esta mañá coa Asociación de Xóvenes Empresarios, a establecer un “foro permanente e estable” cos emprendedores galegos que sirva de “espazo de encontro, de deliberación e de seguimento das expectativas e das demandas dos mozos emprendedores”.

Segundo manifestou Emilio Pérez Touriño trala reunión “o propio presidente da Xunta terá a oportunidade de participar” neste foro, seguindo “persoalmente e de preto” esta iniciativa, que dixo, “estou seguro que será positiva para que agromen máis empresas, se creen novas empresas e nazan novas iniciativas protagonizadas pola xente nova do noso país”.

Na súa intervención ante os medios de comunicación o máximo mandatario galego tamén salientou que, a partir da creación deste Foro da Cultura Emprendedora, desde a Xunta de Galicia en xeral, e desde a Consellería de Economía, en particular, se vai a establecer unha liña “singular e específica” de apoio ao espazo emprendedor. “A creación, en síntese –asegurou Pérez Touriño- dun tícket do emprendedor que permita que haxa un traballo dirixido a incentivar a creación de empresas e proxectos emprendedores, de incentivalos e apoialos desde a súa formación e orixe ata a súa maduración empresarial”. Deste xeito, o Goberno galego asesorará aos emprendedores no seu proxecto empresarial, apoiará a formación e, en caso de que sexa viable, apoiará tamén economicamente as novas iniciativas.

Modernización económica e empresarial

“Este será un proxecto específico dentro do obxectivo de modernización económica e empresarial que contemplan os Orzamentos que aprobará o Consello da Xunta o vindeiro xoves”, asegurou o presidente do Goberno galego, quen remarcou que o apartado de modernización económica e empresarial vai medrar un 30 por cento no proxecto de Orzamentos que a Xunta vai remitir ao Parlamento galego.

O obxectivo final que persegue o Goberno autonómico coa posta en marcha desta iniciativa é que a economía galega gañe en produtividade, a través do fomento da modernización empresarial.

O máximo mandatario galego lembrou tamén que a creación do Foro da Cultura Emprendedora responde ao compromiso asumido durante a campaña electoral de “incentivar, animar e apoiar as iniciativas emprendedoras” de tal xeito que “ningún proxecto emprendedor da xente nova quedase sen ser analizado, examinado, estudado, incentivado e apoiado se era viable”.

“Necesitamos dunha Galicia onde haxa iniciativa, onde haxa capacidade de emprender e onde a xente nova asuma ese protagonismo e se sinta acompañada, potenciada e non abandonada á súa sorte e á súa exclusiva iniciativa”, concluíu Pérez Touriño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia