Ir o contido principal
iniciar sesión

Teatro de Cámara Ditea estrea a obra coa que comezou a súa andaina hai corenta e cinco anos, Melocotón en xarope, de Miguel Mihura

A Asociación Teatro de Cámara Ditea estrea "Melocotón en xarope", de Miguel Mihura. Unha banda de atracadores, unha monxa e unha maceta. A función ten lugar no Auditorio Municipal de Ribeira ás 21:30 horas

Ditea (Difusión do Teatro Afeccionado) naceu no 1960 da man do dramaturgo Agustín Magán e da ilusión de moitos amadores da escena que aínda hoxe seguen na compañía. A andaina do grupo, famoso polos seus actos sacramentais na compostelá Praza da Quintana, escollera a divertida trama de Miguel Mihura "Melocotón en Almíbar" para comezar a súa andaina. Corenta e cinco anos despois, no centenario do escritor, Ditea volve poñer a obra sobre as táboas.

Dirixida por Xan Casas e producida por Ditea, "Melocotóns" divide unha xenial trama de enredo nun prólogo e dous actos. Unha banda de atracadores integrada polo Duque (Xaquín Lorenzo), Carlos (Alberte Álvarez), Fede (Antón Ramos), Cosme (Ramón Valiño) e Nuria (Lara Rozados) vén de dar o golpe perfecto, pero terá que enfrontarse a unha veciña entremetida (Lucrecia Carril) e unha monxa con dotes
detectivescas (Martina Martínez).

A escenografía foi deseñada por Antón Fernández, acorde co Madrid dos últimos anos 50 que reflectiu Mihura na comedia. O vestiario e atrezzo son obra de Encarna Domínguez, a maquillaxe e peiteados, de Lucrecia Carril e Eugenia Fernández Ferreiro. A iluminación corre a cargo de José Antelo, Jessida Martín é técnica de son, Nati Guedella, rexidora, e Monica Mura, asistente de dirección. Todos eles, despois dun ano de ensaios, estrean con moitas ganas esta comedia que xa tivo a súa preestrea en Cacheiras o 29 de xuño.
Lara Rozados Lorenzo (Acordar Comunicación)