Ir o contido principal
iniciar sesión

TVG presenta Galicia Documental, unha alternativa para a sobremesa do sábado

A Televisión de Galicia vén de presentar, no Club Internacional de Prensa, en Santiago de Compostela, o proxecto “Galicia Documental”, unha das primeiras accións que está a desenvolver o novo equipo directivo da CRTVG. Neste acto de presentación estiveron Margarita Ledo, directora do documental “Santa Liberdade”; José Angel González, director de “Tucho Bouza, emperador do Bronx” e Xurxo Souto, director de “Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo”; en representación da TVG estiveron o Director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo, e o Xefe de Programas, Eduardo Galán.

Coa emisión deste espazo, que se ofrecerá na sobremesa do sábado a partir desta mesma semana, a canle pública pretende crear un lugar de seu para as producións documentais galegas ou con temática galega. Así, xunto a títulos como os anteditos, figuran, por exemplo, “Outono”, “Polisóns”, “Muxía, política na Costa da Morte”, ou “Carcamáns”, entre outros. Estes dous últimos emitiranse no mes de novembro, co gallo do terceiro aniversario do afundimento do “Prestige”.

Por outra banda, cómpre destacar que a partir do mes de xaneiro comezará a emisión, nesa mesma franxa horaria, de documentais seriados.

Santa Liberdade (dirixe: Margarita Ledo)

Na madrugada do 22 de xaneiro de 1961 o transatlántico “Santa María”, que cubría a liña entre La Guaira e Vigo, desaparece en augas do Caribe con máis de mil persoas a bordo, asaltado por un comando do DRIL, opoñente ás ditaduras de Franco e Salazar. Logo de trece días secuestrado, o navío muda o seu nome polo de “Santa Liberdade”.

Outono (dirixe: Xosé Francisco Rodil)

Este traballo forma parte da serie documental “Galicia das catro estacións”, que vén sendo unha sinfonía audiovisual sobre o ciclos das estacións en Galicia. Imaxes, música e texto tentan establecer un equilibrio harmónico, en clave poética, para interpretar e entender a Galicia exuberante e, ao mesmo tempo, sobria e mística.

Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo (dirixe: Xurxo Souto)

O obxectivo deste documental é afondar nas diversas claves da persoa, da época á que permanece ligado, e dun espazo que trascende o territorio galego, para achegalo á universalidade do seu valor musical. Este documento afonda en todos os aspectos polos que Pucho pasa de profesional a icono, de anónimo a mito.

Tucho Bouza, emperador do Bronx (dirixe: José Ángel González)

Documental arredor dun policía de lenda, un “Sócrates con uniforme”, como o chamou alguén. Trátase de Tucho Bouza, un galego que chegou a comisario xefe no Bronx, que dirixiu as máis sonadas comisións de anticorrupción policial e foi a inspiración de películas, tv movies e libros, ademais de traballar como escolta de Kennedy e Fidel Castro. Asemade, o documental convértese nunha reflexión sobre a violencia da sociedade norteamericana.

Muxía, política na Costa da Morte (dirixe: Ricardo Llovo)

Os habitantes de Muxía, na Costa da Morte, prepáranse para celebrar as primeiras eleccións desde a catástrofe do “Prestige”. Oito deles son seguidos pola cámara durante a campaña. As súas reflexións e comentarios servirán para comprender algunhas das claves políticas do sucedido nas zonas afectadas polo chapapote.

Carcamáns (dirixe: Marcos Nine)

A Illa de Arousa, o concello máis novo de Galicia. A súa poboación vive, case exclusivamente, do mar. O fuel vertido polo petroleiro “Prestige” ameazaba as súas costas. Podería arruinar o medio de vida de toda a vila. “Carcamáns” é a historia dunha vila que paralizou completamente a súa actividade para dedicarse exclusivamente a impedir que as manchas de fuel chegaran ás súas praias. É, en definitiva, o triunfo dunha vila que foi quen de descargar, en só dous días, preto de 1.500 toneladas de fuel

Vieiros: vida e obra de Carlos Velo (dirixe: Laura Gardós Velo)

Biografía e filmografía do cineasta ourensán Carlos Velo, finado en México no ano 1988. A súa filla Teresa e a súa neta Laura, directora desta cinta, serven de fío condutor introducindo ao espectador na vida e obra, utilizando recursos fílmicos da época, fragmentos das súas películas e doutras aludidas.

Polisóns (dirixe: Ignacio Vilar)

Dramatización que permite ver como un polisón se introduce furtivamente nun barco na busca de agocho, mesturado cos testemuños de representantes de organizacións humanitarias, da administración pública, de traballadores do porto e dos barcos, así como a dos propios polisóns sobre as causas e circunstancias que rodean este fenómeno. Un tutsi, que na actualidade vive en Vigo, conta a súa experiencia, ao igual que outros dous mozos de raza negra.

Amando de Ossorio, o último templario (dirixe: Xosé Zapata)

Aproximación á vida e á obra do cineasta galego Amando de Ossorio, nacido na Coruña en 1918 e que finou no 2001. Amigos, cineastas e compañeiros axudan a perfilar a biografía do director de cine herculino. Despois de traballar nun banco, Ossorio abandona todo e marcha a Madrid, onde inicia a súa traxectoria mediática, chegando a incorporar ao cine de terror os personaxes dos Cabaleiros Templarios.
Club Internacional de Prensa - Xunta de Galicia