Ir o contido principal
iniciar sesión

Un total de 555 escolares galegos participan no programa escolas viaxeiras

Un total de 555 alumnos de 5º e 6º de educación primaria de centros de ensino galegos participan este ano no programa Escolas Viaxeiras, subvencionado polo Ministerio de Educación e Ciencia en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con este proxecto, a Administración educativa galega pretende que o alumnado participante coñeza, fóra do medio escolar, lugares diferentes, xentes, terras, costume, historia, etc., doutros lugares de España, para o que durante unha semana os escolares percorren unha ruta doutra zona distinta á do seu domicilio habitual. Esta actividade desenvólvese desde Galicia a outras Comunidades autónomas e viceversa.

A convocatoria para inscribirse neste programa este ano publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro de 2004, e nela establecíanse os prazos de solicitude, condicións que ten que reunir o alumnado, comisións seleccionadoras, rutas a percorrer, etc. De acordo con esta Orde, convocáronse un total de 555 axudas/alumno para participar no programa, distribuídas en 37 grupos de 15 alumnos cada un.

A selección, de acordo coa convocatoria, realizouse tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situado o centro docente, co fin de dar preferencia aos alumnos con menos oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais, ..., e en particular aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Dúas quendas

O programa desenvólvese en dúas quendas: a primeira durante os meses de abril a xuño, e a segunda de setembro a novembro. Todos os grupos que resultaron seleccionados para percorrer unha das rutas solicitadas viaxan acompañados por un profesor do centro, preferiblemente o titor. Antes de iniciar a actividade, cada grupo elabora un caderno de traballo na aula que será utilizado posteriormente durante a súa estancia noutra Comunidade Autónoma.

Cada grupo de quince alumnos desprázase ata a cabeceira da ruta que vai percorrer en ferrocarril, sendo substituído este medio polo transporte aéreo ou marítimo no caso das rutas de Canarias ou Baleares, sen que isto supoña custo algún para o alumnado. Ademais, o aloxamento e manutención nos centros de acollida son tamén gratuítos, e os riscos que se puideran producir están cubertos por unha póliza de seguros.

Unha vez que o grupo chega á cabeceira da ruta únese a outros dous grupos procedentes tamén de zonas distintas á que van percorrer, cos que convive durante a semana de duración da experiencia. Así, favorécese o coñecemento das diferenzas culturais e lingüísticas entre eles, ao tempo que os escolares aprenden valores como a convivencia, a tolerancia e o respecto.

Ao remate desta actividade, cada grupo participante elabora unha memoria de avaliación na que se recollen os obxectivos acadados dentro do programa Escolas Viaxeiras, as características do grupo e as actividades proxectadas. Ademais, a memoria inclúe unha valoración dos resultados e un resumo dos coñecementos adquiridos polos alumnos, das actitudes do grupo ante o contacto con outras culturas, etc.

Alumnos galegos

Os escolares de Galicia que participan na presente edición de Escolas Viaxeiras solicitaron na primeira quenda, de abril a xuño, as rutas seguintes: Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciana, Navarra, Aragón, A Rioxa, Salamanca, Soria, Cáceres e Murcia.

Para a segunda quenda, de setembro a novembro, escolleron Cataluña, Comunidade Valenciana, Navarra, Aragón, Toledo, Burgos, Salamanca, Cáceres, Madrid, Andalucía Occidental, Soria, País Vasco e Tenerife. As rutas que máis pediron os alumnos galegos son as correspondentes ás Comunidades ou localidades insulares e costeiras, seguidas de Madrid, Navarra e A Rioxa.

Un total de 21 centros galegos participan nesta segunda fase do programa, que se desenvolve entre o 27 de setembro e o 28 de novembro. Na actualidade, o CPR La Merced, de Sarriá, está a visitar a ruta do País Vasco. Proximamente poderán disfrutar desta actividade o CPR Pablo VI Fátima, de A Rúa, o CPR La Purísima, de Ourense, o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla, e o CEIP Alexandre Bóveda, de Redondela, que percorrerán Extremadura, Madrid, Tenerife e Andalucía Occidental, respectivamente.

Alumnos que visitan Galicia

A ruta de Galicia será percorrida durante o ano 2005 por un total de 405 alumnos, acompañados por 27 profesores, procedentes das Comunidades de Castela e León (75), Aragón (30), Castela A Mancha (45), Navarra (15), Comunidade Valenciana (30), A Rioxa (15), Andalucía (60), Madrid (60), Cataluña (30), País Vasco (30) e Ceuta (15).

Os grupos doutras Comunidades Autónomas que participan na ruta de Galicia visitan e percorren a Mariña lucense, Lugo, Terra Chá e as Terras de Meira, o Camiño de Santiago desde Sarriá, Santiago de Compostela, as Rías Baixas e A Coruña. A cabeceira desta ruta está establecida na Escola Fogar de Sarria, onde se aloxan os participantes e desde a que se fan os diferentes percorridos. Tendo en conta as grandes distancias para algúns recorridos, estableceuse unha segunda cabeceira no Centro Residencial Docente de Vigo para unha máis cómoda visita e coñecemento da zona das Rías Baixas.

Na segunda quenda de Escolas Viaxeiras, que rematou o pasado 24 de outubro, visitaron Galicia nove centros doutras Comunidades Autónomas, procedentes de Córdoba, Burgos, Lleida, Huelva, Teruel, Madrid, Valencia, Valladolid e Toledo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia