Ir o contido principal
iniciar sesión

O Festival Internacional de Cine Independiente de Ourense organiza as IV Xornadas de Formación e Audiovisual

Por cuarto ano consecutivo celébranse en Ourense as Xornadas de Formación e Audiovisual, actividade formativa pertencente á programación do X Festival Internacional de Cine Independente de Ourense.

Estas xornadas, que se desenvolven entre o 14 e o 16 de novembro no Centro Cultural da Deputación, están destinadas ós alumnos das Escolas de Imaxe e Son de Galicia e pretenden ser un complemento a formación que reciben nos seus respectivos centros, ofrecéndolles a oportunidade de ter a visión de profesionais do eido audiovisual dos diferentes problemas ós que se terán que enfrontar unha vez rematen os seus estudios.

Na cuarta edición das Xornadas de Formación e Audiovisual, están presentes parte do equipo de Filmax e de Dygra falando das particularidades da animación feita en Galicia, membros da Televisión de Galicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia tratando o tema dos mercados internacionais ou de Filmanova que exporán o tema do marketing das obras audiovisuais.

Tamén se conta coa presenza de xoves directores galegos que, tras o visionado dunha das súas curtametraxes, explican diversos temas cos que se tiveron que enfrontar para conseguir sacar adiante os seus proxectos. Estes directores son Rubén Coca, David González e Dani de la Torre.

O último día das xornadas terá lugar a II Mostra de Traballos Audiovisuais, onde se proxectan os traballos mais salientables feitos polas escolas que participan nas mesmas e onde se entregará o Premio ao Mellor Traballo Audiovisual elexido polas votacións dos participantes. Este premio simbólico pretende fomentar o espíritu crítico dos alumnos das diferentes escolas.

As IV Xornadas de Formación e Audiovisual están organizadas polo Festival Internacional de Cine Independente de Ourense e contan co patrocinio da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.
Yolanda Campo (Gabinete de Prensa del Festival Internacional de Cine de Ourense)