Ir o contido principal
iniciar sesión

A Xunta organiza o I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual para formar aos nenos como espectadores críticos

A Xunta de Galicia está a organizar o I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual, que se celebra na Escola Galega de Administración Pública os días 5, 6 e 7 de decembro. Na posta en marcha desta iniciativa que pretende achegar á cidadanía a importancia da implantación das novas tecnoloxías no ámbito escolar, participan a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Seminario Galego de Educación para a Paz e o Consorcio Audiovisual de Galicia.

Este Primeiro Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual, que inaugura o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, ten como principal obxectivo transmitir ás institucións a idea de afianzar o audiovisual no currículo escolar. Para iso, proponse sensibilizar ao profesorado e ao conxunto da cidadanía da conveniencia de incluír actividades relacionadas co coñecemento e a práctica da cinematografía e os outros medios audiovisuais nas ensinanzas escolares.

O Goberno galego, consciente de que o audiovisual constitúe cada día máis un dos principais medios de información da sociedade actual pon o seu énfase na necesidade de fomentar e exixir unha formación crítica dos nenos como lectores, espectadores e usuarios destes medios.

Destinatarios

Os medios de comunicación teñen demostrado actuar como canal de difusión de valores, actitudes e hábitos de conduta polo que hai que adaptar os currículos de formación dos rapaces á linguaxe audiovisual. Precisamente achegar o audiovisual aos centros de ensinanza é unha das principais fundamentacións deste encontro, que vai dirixido ás autoridades educativas, equipos directivos, servizos de orientación, monitores de tempo libre, alumnos das Facultades de Educación, ONG´s con proxectos educativos, profesionais dos medios de comunicación, membros da industria audiovisual e profesorado, especialmente o implicado nos proxectos Audiovisual nas Aulas, Cine para Convivir e Pé de Imaxe.

Inscrición

A inscrición para participar neste curso será de balde e estará aberta ata o vindeiro 25 de novembro na sede do Consorcio Audiovisual de Galicia (Rúa do Hórreo, 61) ou na páxina web www.consorcioaudiovisualdegalicia.org. Establecerase un máximo de 300 participantes, admitidos por orde de solicitude. Así mesmo, este curso estará homologado pola Universidade de Santiago de Compostela e concederá un crédito de libre configuración aos alumnos de todas as titulacións que participen nel.

Relatorios

Nos relatorios previstos para estes tres días analizaranse, entre outros temas, os modelos francés e británico de incorporación dos medios audiovisuais ao currículo escolar e a presenza destes temas no sistema educativo español. Así mesmo, abordarase a contribución da educación para os medios de cara a unha televisión de calidade e a posibilidade de unha alternativa ao “tele lixo”.

Segundo o previsto, intervirán expertos españois, franceses, británicos e portugueses. Entre eles, o presidente do Seminario Galego para a Paz, Manuel Dios Diz; a Conselleira de do Consell Audiovisual de Catalunya, Nuria Llorach; o director xerente da Televisión de Galicia, Suso Iglesias; así como Roger Cussol do Centro de Liaison de lénseignement et des Médias d´información; Hether Stewar do British Film Institute; Meritxell Esquirol do Drac Magic; Marco Massa da Lanterna Magica e Sara Pereira da Universidade do Minho. A conferencia de clausura estará a cargo do catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Luis Hueso Montón.

Simultaneamente, desenvolveranse obradoiros e experiencias, así como un seminario que traballará sobre os documentos que acheguen os participantes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia