Ir o contido principal
iniciar sesión

A Consellería de Innovación e Industria prorroga 75 bolsas para realizar os estudos de Terceiro Ciclo nas universidades galegas

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) a prórroga das bolsas para a realización de estudos de terceiro ciclo nas universidades galegas. Estas bolsas forman parte do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, e teñen como principais obxectivos fomentar a formación de investigadores en Galiza para incrementar o seu número e potenciar a investigación científica e a innovación tecnolóxica no Sistema Galego de I+D+i.

Este ano son un total de 75 os alumnos de terceiro ciclo que se beneficiarán destas axudas. A duración das mesmas é de doce meses, comprendidos entre outubro de 2005 e setembro de 2006. O importe bruto total da prórroga da bolsa para este curso é de 5.760 euros, polo que os alumnos recibirán unha contía mensual que ascende a 480 euros. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Polo que respecta ao xénero, hai un claro predominio do xénero feminino, xa que dos 75 alumnos beneficiarios da prórroga das bolsas, 48 son mulleres (un 64%) mentres que 27 son homes (un 36%).

As prórrogas das bolsas para realizar estudos de doutoramento é unha actuación que se realiza en coordinación coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, encargándose esta da convocatoria das bolsas correspondentes ao primeiro ano de estudos de terceiro ciclo (período de docencia). A Dirección Xeral de I+D+i, pola súa banda, xestiona as prórrogas de ditas bolsas que corresponden ao segundo ano destes estudos (período de investigación tutelado).

INCREMENTAR OS RECURSOS HUMANOS DEDICADOS Á INVESTIGACIÓN

O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas horizontais figura o de Recursos Humanos que ten, entre outros obxectivos, o de incrementar os recursos humanos dedicados a actividades de I+D+i, tanto en número como en especialización, nas áreas de maior interese para Galiza. Aquí é onde se enmarcan as prórrogas das bolsas de doutoramento.

Neste senso, a Dirección Xeral de I+D+i vén de conceder outras axudas co fin de apoiar a formación dos investigadores, como son as bolsas predoutorais (para a realización da tese de doutoramento) e as axudas para realizar estadías fóra da Comunidade Autónoma. Este ano, un total de136 investigadores beneficiáronse das bolsas para a realización da tese doutoral. Por outra banda, a Dirección Xeral de I+D+i concedeu 183 axudas para que os investigadores poidan realizar estadías en centros de investigación fóra da nosa comunidade.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia