Ir o contido principal
iniciar sesión

A Asociación Teatro de Cámara Ditea estrea Melocotón en xarope, de Miguel Mihura

Ditea (Difusión do Teatro Afeccionado) naceu no 1960 da man do dramaturgo Agustín Magán e da ilusión de moitos amadores da escena que aínda hoxe seguen na compañía. A andaina do grupo, famoso polos seus actos sacramentais na compostelá Praza da Quintana, escollera a divertida trama de Miguel Mihura "Melocotón en Almíbar" para comezar a súa andaina. Corenta e cinco anos despois, no centenario do escritor, Ditea volve poñer a obra sobre as táboas.

Dirixida por Xan Casas e producida por Ditea, "Melocotón…" divide unha xenial trama de enredo nun prólogo e dous actos. Unha banda de atracadores integrada polo Duque (Xaquín Lorenzo), Carlos (Alberte Álvarez), Fede (Antón Ramos), Cosme (Ramón Valiño) e Nuria (Lara Rozados) vén de dar o golpe perfecto, pero terá que enfrontarse a unha veciña entremetida (Lucrecia Carril) e unha monxa con dotes detectivescas (Martina Martínez).

A escenografía foi deseñada por Antón Fernández, acorde co Madrid dos últimos anos 50 que reflectiu Mihura na comedia. O vestiario e atrezzo son obra de Encarna Domínguez, a maquillaxe e peiteados, de Lucrecia Carril e Eugenia Fernández Ferreiro. A iluminación corre a cargo de José Antelo, Jessica Martín é técnica de son, Nati Guedella, rexidora, e Monica Mura, asistente de dirección. Todos eles, despois dun ano de ensaios, estrean con moitas ganas esta comedia que xa tivo a súa preestrea en Cacheiras o 29 de xuño, e tivo un enorme éxito en Ribeira, o 28 de outubro, e no Centro Cívico de Caranza, en Ferrol, que superou o seu récord de público con esta obra o 6 de novembro.
Lara Rozados (responsable de Prensa de Acordar Comunicación en internet)