Ir o contido principal
iniciar sesión

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo visitaron as instalacións de Bren en Santiago de Compostela

Os alumnos de segundo curso dos ciclos de realización e producción, comprobaron a cantidade de horas de traballo e o gran número de profesionais que están detrás dun proxecto audiovisual de animación en 3D. No momento da súa visita, o equipo de Bren traballaba nos últimos retoques da película Donkey Xote e nos primeiros pasos de “El Ratón Pérez”.

Ao mesmo tempo, descubriron que Galicia é unha potencia mundial na producción de longametraxes animadas non só no que se refire á calidade senón tamén á cantidade, xa que da factoría de animación do grupo Filmax está a sair un proxecto rematado por ano. De feito, na sala de proxección puideron ver unha pequena mostra das películas xa rematadas, coma El Cid, Pinocho ou Gisaku (esta última estreada recentemente no Festival de Cine de Ourense) e doutras que están en marcha coma Donkey Xote ou Nocturna.

Na visita de case unha hora de duración, os estudantes lucenses coñeceron pormenorizadamente tódolos pasos que implica a producción dunha película animada. Desde os primeiros debuxos de tódolos elementos do guión –tanto seres animados como inanimados- ata a consecución de secuencias animadas. Un proceso que pode durar máis dun ano.

Paso a paso

Un profesional de cada departamento explicoulles aos alumnos o traballo que se desenrola na mesma. Así, descubriron que, en modelaxe converten os personaxes e os decorados en modelos 3D. Logo, en setup dotan a todos eses personaxes de controis e mecanismos internos para que poidan ser animados. Continúa o traballo na área de layout que xa é a primeira versión da película. A continuación, en texturas, encárganse de colorear e darlle o aspecto final –con brillos, rugosidades ou reflexos- a todos os elementos da película. En animación crean o movemento dos personaxes da película e combinan os xestos faciais para conseguir transmitir emocións. Coma se fose unha rodaxe real, os decorados dunha película 3D necesitan ser iluminados, e diso encárganse na área de lighting. O departamento de Fx encárgase da creación dos elementos "inertes" que teñen movemento como poden ser as teas, vexetacións ou nubes. Tamén recrean os fenómenos naturais (augas, choivas, lumes...), as animacións de multitudes ou de elementos como o pelo. Por último, o departamento de I+D encárgase de buscar solucións e desenvolver ferramentas informáticas para os problemas que se dan nunha produción.
Fundación TIC