Ir o contido principal
iniciar sesión

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta na Igrexa da Universidade a exposición Lugares de culto. Claudia Terstappen

O Centro Galego de Artes da Imaxe inaugura a mostra fotográfica Lugares de Culto. Claudia Terstappen. O acto desenvolvese na Igrexa da Universidade. A mostra está producida polo CGAI en colaboración coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e o Vicerrectorado de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria.

A mostra recolle 29 fotografías que están expostas dende o 1 de decembro ata o 29 de xaneiro do vindeiro ano. Trátase dun diario visual sobre a viaxe feita pola artista ao norte de Australia.

As fotografías que acolle a exposición, transpórtannos a lugares e sitios espirituais, paisaxes atemporais, onde o ordinario se transforma en místico. Dende as montañas sagradas dos indios Navajo nos Estados Unidos, protagonistas da serie Sacred Land (1990-1998), aos altares de igrexas andaluzas da Cruz do Romeiro (1994); das paisaxes de Islandia (2001), ata as selvas austrais (2002), pasando por lugares de culto brasileiros ou xaponeses.

As viaxes e os contactos non só ampliaron o horizonte de Claudia Terstappen, senón que lle deron profundidade. Das súas imaxes despréndese que a fotógrafa non se interesa a penas pola forma exterior, senón sobre todo polos contidos vividos en carne propia. A cámara pode documentar o aspecto superficial dun obxecto, pero para achegarse aos segredos máis íntimos é necesaria a sensibilidade da fotógrafa.

A autora

Claudia Terstappen naceu en Arnsberg, Alemaña. É profesora de Belas Artes na Monash University, Melbourne, Australia. As súas fotografías foron expostas internacionalmente en sitios como o Kunstmuseum, Düsseldorf, White Columns, Nova York, The Slade Gallery, Londres, e Sendai, Xapón.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia