Ir o contido principal
iniciar sesión

O conselleiro de Economía e Facenda anunciou a creación dun Foro do Emprendedor

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, vén de anunciar a creación dun Foro do Emprendedor, que estará impulsado e xestionado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Fernández Antonio participou no acto inaugural do Viveiro de Empresas de Santiago de Compostela e amosou a súa gran satisfacción “pola apertura dun viveiro para acoller os primeiros pasos de novas iniciativas empresariais, neste caso para Santiago e a súa comarca”.

O titular de Economía do Goberno Galego puxo de manifesto a importancia do futuro Foro do Emprendedor, onde os axentes sociais e económicos de Galicia serán os protagonistas e contarán co apoio da Administración Galega. O conselleiro manifestou que “dispoñemos de instrumentos ao servizo dos emprendedores tanto no Igape coma nas sociedades Xesgalicia e Bic Galicia”. Tamén comunicou a intención de ampliar e mellorar ambos os dous instrumentos para “dinamizar a cultura emprendedora en Galicia, asumindo, por parte da Xunta, un papel catalizador que permita multiplicar a eficiencia dos recursos públicos e privados”.

Novos retos para Galicia

Fernández Antonio explicou que o modelo crecemento económico que vai impulsar a Xunta de Galicia “considera que o incremento da cultura emprendedora e o impulso da creación de novas empresas, innovadoras e tecnoloxicamente avanzadas, é un dos retos que debe afrontar Galicia nos próximos anos”. Segundo o conselleiro, o gran obxectivo consiste en incrementar a produtividade, a competitividade e a creación de emprego. Ditos retos e obxectivos encóntranse contemplados nos Orzamentos Galegos para o vindieiro exercicio.

O conselleiro rematou a súa intervención felicitando á Camara de Comercio de Santiago pola súa iniciativa, e tamén a todas as entidades e instrumentos que apoiaron financeiramente o proxecto. O FEDER-FSE, a Fundación Incyde, o Concello de Santiago, a Deputación de A Coruña e Caixa Galicia foron os responsables de facer realidade o novo Viveiro de Empresas compostelán.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia