Ir o contido principal
iniciar sesión

Estudantes de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia complementan a súa formación práctica en Europa

Un total de 90 alumnos están a cursar estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais na Escola Superior de Galicia, situada en Pontevedra. Todos eles, unha vez diplomados, teñen a posibilidade de realizar prácticas en destacados museos de España, Portugal, Francia e Italia, complementando deste xeito os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica en ocasións de carácter internacional.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, situada en Pontevedra, oferta dende o curso 1991/92 o título de Conservación e Restauración de Bens Culturais, equivalente ao título de diplomado universitario. Os alumnos do centro dispoñen de avanzada tecnoloxía co obxectivo de acadar unha formación integral que reflicte o nivel superior no que se inscriben estas ensinanzas, coa fin de preservar o patrimonio cultural e concienciar á sociedade da importancia deste cometido.

O obxectivo final desta Escola é atender as necesidades de formación dos futuros profesionais, facendo énfase na interdisciplinariedade dos coñecementos requeridos e na profundización nos contidos técnicos, científicos, históricos e estéticos orientados cara a utilización da máis alta tecnoloxía.

Os 90 alumnos que acolle a Escola teñen a posibilidade de escoller entre as especialidades de Arqueoloxía, Escultura e Pintura. Así, os estudos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais estrutúranse en tres cursos, sendo o primeiro deles común a todos os alumnos, e o 2º e 3º propios da especialidade.

As persoas que desexen cursar estudos nesta Escola teñen dúas vías: a realización dunha proba proposta polo centro ou ben o acceso directo. A proba de acceso está dirixida aos titulados en COU ou Bacharelato LOXSE, e consiste en tres exercicios, dous escritos, que supoñen un 40% da puntuación final, e un práctico. A nota global será a nota ponderada das cualificacións obtidas nos distintos exercicios. Para poder acceder directamente á Escola é necesario ter o título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño.

Formación integral

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais persegue a formación integral dos seus alumnos, nun proceso de mellora da capacidade dos profesionais para aplicar os criterios que presidirán as actuacións sobre os bens de interese cultural. Non en vano, a preservación do Patrimonio Histórico dependerá do criterio e actuación do novo técnico-especialista.

O compromiso que a Escola ten coa cultura reflíctese na formación que reciben os alumnos, que serán os profesionais que van actuar directamente sobre obxectos orixinais irremplazables, a menudo únicos e de grande valor artístico, relixioso, histórico, científico, cultural, social ou económico. Isto é o que sinala a diferencia entre a esta profesión e aquelas puramente artísticas ou artesanais, xa que o conservador-restaurador non crea obxectos culturais novos.

Proxección internacional

A Escola considera que todo programa de formación dos técnicos debe estar vinculado a un programa de inserción no mundo laboral, polo que este centro participa na formación práctica en centros de traballo mediante programas de garantía social cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Así, todos os alumnos que se diploman teñen a posibilidade de realizar prácticas en importantes museos de España, Portugal, Francia e Italia, como o Centro Nacional Georges Pompidou de París ou o Museo Antropolóxico Luigi Pigorini de Roma.

A Escola ofrece aos seus alumnos a oportunidade de participar en intercambios internacionais a través dun convenio co Estado portugués, mediante estancias en museos, prácticas en empresas e un intercambio coa Escola de Arqueoloxía de Amarante (Oporto).

Ademais, a Escola oferta a posibilidade de efectuar prácticas nas empresas de conservación e restauración no ámbito de Galicia. Excepcionalmente, realizáronse tamén fóra da Comunidade galega.

Unha das actividades anuais que presenta a Escola é a realización dunha viaxe a un congreso ou feira da especialidade de conservación e restauración, financiando ao desprazamento a cidades como Madrid, Barcelona ou Valladolid. Un total de cincuenta alumnos poden participar nesta iniciativa.

Conservación do patrimonio cultural

Coa fin de dar a coñecer os traballos que se desenvolven no centro, a Escola edita con carácter bianual a revista Lubris, unha publicación de oitenta páxinas onde se aportan as experiencias no ámbito investigador do profesorado e do alumnado. Ademais, incórporanse traballos de destacados restauradores de todo o Estado español. Esta revista, editada en castelán e en galego, é a única destas características que existe en Galicia e serve de intercambio con importantes institucións do mundo.

A revista Lubris pón en contacto á cidadanía co técnico especialista de bens culturais, dando a coñecer os estudos superiores de Conservación e Restauración, reflexando non só o proceso técnico dunha restauración senón toda a investigación e análise interdisciplinar que é necesario acometer para abordar con criterios científicos unha restauración-conservación. Así, esta actividade promovida pola Escola informa e forma á sociedade para crear nela a necesidade dunha conservación preventiva e de mantemento de todo o noso patrimonio cultural.

Deste xeito, a Escola ten entre os seus cometidos a difusión pública das actividades que se realizan na mesma, para o que organiza, con carácter bianual, unha montase de exposicións que se acompaña dun catálogo en cor no que participan todos os departamentos do centro.

Coñecementos complementarios

Con carácter anual, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia realiza, en colaboración co Arquivo Histórico da Diputación de Pontevedra, un curso de Restauración e Conservación de Documento Gráfico.

Neste senso téñense realizado seminarios de Conservación e Restauración de Arte Contemporáneo nos que participaron os responsables dos talleres de restauración de museos como o Raíña Sofía, o CGAC ou a Fundación Serralves. Por outra banda, e en colaboración con Concello de Pontevedra e dentro do Plan Urban II, levouse a cabo en horario extraescolar o proxecto “Escudos de Pontevedra”, onde se restaurou a maior parte da heráldica do casco histórico da cidade do Lérez.

Ademais, durante o curso os alumnos da Escola teñen a posibilidade de asistir ás distintas conferencia que versan sobre contidos incluídos na programación dos distintos departamentos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia