Ir o contido principal
iniciar sesión

Santiago Domínguez Olveira, coas seleccións galegas de categorías inferiores

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira, presentou os equipos infantís e cadetes galegos que participarán nos próximos días nos campionatos de España de balonmán, baloncesto e fútbol destas categorías.

Ao acto asistiu un nutrido grupo de rapaces, que acudiron vestidos coa equipación que van vestir todos os equipos de categorías inferiores galegas, tal e como anunciou xa fai unhas semanas o director xeral para O Deporte. Domínguez Olveira explicou aos rapaces que a aposta do seu departamento é polo deporte de base: “Onte vivimos un gran momento co estreo da selección galega de fútbol, pero non podemos quedarnos aí, apoiando aos grandes astros, porque vós para nós sodes tan importantes coma os que onte representaron a Galiza”. Por iso, pediu aos nenos que “deixedes o pavillón do noso país moi alto, por riba dos resultados deportivos”.

Á roda de prensa tamén asistiron José Luis Vázquez García, delegado da Federación Galega de Fútbol, Ricardo Agullón, de balonmán, e Jorge Iglesias, polo baloncesto. Todos eles agradeceron o apoio da Xunta de Galicia, “que é a primeira vez que nos patrocina nos vinte anos que levo como delegado”, subliñou José Luis Vázquez.

Estas seleccións galegas representarán a Galiza no Campionato de España de Baloncesto (Cádiz, do 2 ao 9 de xaneiro); Campionato de España de Balonmán (Málaga, do 2 ao 9 de xaneiro) e na fase sector do Campionato de España de Fútbol (Tenerife, do 6 ao 10 de xaneiro).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia