Ir o contido principal
iniciar sesión

O Consello Social da USC abríu o prazo para solicitar as prácticas en empresas e institucións

As prácticas terán unha duración mínima de 120 horas e máxima de 500 a realizar en calquera momento do ano, sendo convalidable este período formativo por creditos de libre configuración. Ademais, preséntanse dúas modalidades de prácticas, a ordinaria pola que o Consello Social se encarga de buscar a empresa para desenvolver as prácticas e a de adxudicación directa pola que os alumnos buscan persoalmente unha empresa disposta a acollelos en prácticas.

Este programa do Consello Social, que se iniciou en 1995 no Campus de Santiago, pretende contribuír á formación integral do alumno universitario a través da súa participación activa en empresas ou institucións, de xeito que ao mesmo tempo que realiza os seus estudos adquira unha experiencia práctica imprescindible para o seu futuro máis cercano. Na actualidade o Consello Social ten asinados convenios de colaboración para o desenvolvemento das prácticas coa Confederación de Empresarios de Galicia e con máis dun centenar de institucións públicas galegas.

Convocatoria de 2005

Dende a súa posta en marcha incrementouse de maneira notable o número de estudantes que participan no programa, pasando das 839 solicitudes de 1995 ata as 2.539 do pasado ano. Por titulacións, o pasado ano foron os alumnos de Administración e Dirección de Empresas de Santiago os que máis disfrutaron destas prácticas, seguidos dos de Bioloxía, Economía, Relacións Laborais, Psicoloxía e Historia da Arte.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)