Ir o contido principal
iniciar sesión

Presentado en Madrid o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Unha nutrida representación do comité organizador e das institucións que promoven o Salón protagonizou a rolda de prensa que tivo lugar este mediodía na madrileña Residencia de Estudiantes, institución cultural emblemática que brindou unha calurosa acollida á delegación galega. O acto contou tamén coa asistencia de coñecidas persoalidades vencelladas á literatura infantil e xuvenil que xa estiveron presentes no foro pontevedrés, como a escritora vasca Mariasun Landa, así como a mascota do Salón, o Lobo Orbil.

O escritor galego Xosé Antón Neira Cruz, quen ademais dirixe a revista Fadamorgana especializada en literatura infantil e xuvenil, exerceu de mestre de cerimonias nun acto emotivo por canto tódolos relatores puxeron de manifiesto o carácter especial desta cita coa cultura que convirte a Pontevedra nunha das capitais do libro infantil e xuvenil en Europa. Neira Cruz manifestou que “as mellores realidades fanse verdade porque alguén tivo a capacidade de imaxinalas”. E déulle-la benvida ós presentes no acto “a un soño feito realidade”.
O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luís Bará, intervíu en representación da Consellería de Cultura do Goberno galego, administración que participa este ano por primeira vez na organización dun evento que cualificou de “moi importante para os galegos” e que, sinalou, “debe ter cada vez máis proxección fóra de Galicia”. “O Salón -indicou Bará- acada a maioría de idade coa súa sétima edición e ten por diante un camino brillante polo que supón de encontro co libro e a literatura mesmo no eido estatal e fóra del”. Luís Bará destacou, nomeadamente, que se trata dun proxecto colectivo que abrangue a administracións (Concello de Pontevedra e Xunta de Galicia), entidades sociais e culturais (Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Asociación Máis Libros) e colectivos locais, galegos e estatais que se suman á organización do Salón e lle confiren carácter aberto, plural e integrador, “unha das claves –apuntou- do seu éxito”.


“Desde a cidade de Pontevedra e desde Galicia, o Salón é unha aposta pola cultura como ferramenta fundamental para construí-la sociedade desde a infancia, sector de poboación que representa o futuro”, concluíu, ó tempo que ratificou o apoio da Consellería de Cultura “para que este evento vaia a máis”.

No inicio da súa intervención, a concelleira de cultura do Concello de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, loubou a traxectoria do seu antecesor no cargo, Luís Bará, actual Director Xeral de Cultura da Xunta e un dos meirandes impulsores do Salón do Libro de Pontevedra desde o seu nacemento, en 1999. López Escudeiro sinalou que ese año, 1999, supuxo “un aire novo para Pontevedra, porque o Bloque Nacionalista Galego, grupo político desde o que se goberna a ciudad, puxo en marcha unha serie de proxectos nos que a cultura representa un papel primordial, coa participación de toda a cidadanía e en constante diálogo con outras expresións culturais”. A concelleira de cultura recalcou que o Salón se concibe como un proxecto colectivo no que colaboran activamente os colexios da comarca e que actividades como esta “pasaron a ser elementos dinamizadores da nosa cidade que consolidan un pequeno recanto no que soñar aínda é posible”.

A coordinadora do Salón, Helena Torres, explicou como se estructura a cita en dúas verquentes complementarias. Por unha parte, o “continente”, é dicir, a transformación dun lugar emblemático como é o Pazo da Cultura de Pontevedra a través de intervencións, exposicións e decoración xeral, “nun conxunto de paisaxes e ambientes máxicos que evocan as personaxes e os escenarios nos que transcorren as historias dos libros”. Para Torres, un elemento moi importante desa decoración xeral é a que realizan os escolares, nenas e nenos de toda a comarca de Pontevedra, que a partir do tema do Salón fan traballos nas súas escolas e conforman unha exposición marabillosa”.


A segunda verquente, expuxo Torres, é o contido e correspóndese cos relatos, os sentimentos e as experiencias que conteñen os libros. “Trátase da longa lista de actividades que alí se desenvolven, para pequenos e para adultos: contacontos, animación, teatro, títeres, música, presentacións de libros, conferencias, cursos, sempre en relación coa literatura, ata a participación en actividades de creación e de expresión musical, plástica e literaria”.

“Unha vez que se decide un tema, os colexios traballan sobre el e comeza a busca de escritores e ilustradores que estean vencellados con ese motivo principal. Convídaselles ó Salón para coñecelos mellor a eles e ás súas obras e participan da oferta de actividades, deseñadas para a animación á lectura”, aclarou a coordinadora do Salón.

O último escritor galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Antonio Rodríguez Almodóvar, lembrou con emoción a súa primeira participación no foro pontevedrés, que coincidíu coa estrea do Salón. “Foi unha edición adulta que me sorprendeu moito porque nunca a primeira vez nun acontecemento deste tipo adoita ser tan redonda e aquella o foi, sei que vai a mellor e estou desexando voltar”, recoñeceu Rodríguez Almodóvar. O escritor, quen na sétima edición imparte un obradoiro de literatura, cualificou a súa participación anterior de “marabillosa, sobre todo pola resposta do público e dos medios de comunicación” e salientou o “respecto e a convivencia entrámbalas dúas linguas, o galego e o castelán”. A xuízo de Rodríguez Almodóvar, “semellaba que estaba deseñado para que nos levasemos un recordo imborrable, a diferencia –apuntou- do que acontece noutras comunidades, sobre todo nos últimos tempos”.

Antonio Rodríguez Almodóvar, quen tamén desenvolve a súa actividade profesional como investigador da tradición oral, certificou “que Galicia está máis preto do universal que nunca con estas iniciativas”.

Tamén acodíu puntual á cita o ilustrador galego Kiko da Silva, colaborador do Salón desde os seus inicios e autor da mascota do Salón, o Lobo Orbil, que acompañou ó seu creador nun acontecemento tan especial como o vivido hoxe na Residencia de Estudiantes. En palabras do seu “pai”, o Lobo Orbil dálle a volta ó tópico co que a literatura clásica sinala ós lobos. Esta criatura, cuxo nome ó revés é libro, “amosa que os lobos non teñen porqué ser sempre malos, xa que Orbil non come nenos, de feito é vexetariano e só se alimenta de follas de libros, e se están cheas de historias, mellor”.

Kiko da Silva salientou a importancia do Salón para co gremio que representa, “porque achega a nosa profesión ó público e supón unha excusa, neste colectivo tan solitario, para reunirse, intercambiar inquedanzas profesionais e coñecer novas formas de traballo”.
Gabinete de prensa do Salón do Libro