Ir o contido principal
iniciar sesión

O ilustrador Marc Taeger gaña o Premio Daniel Gil de Deseño Editorial cun libro de Kalandraka

Dous libros de KALANDRAKA resultaron galardoados con tres distincións na entrega dos premios Daniel Gil de deseño editorial, celebrada no Museo Raíña Sofía de Madrid. O libro “A verdadeira historia de Carapuchiña”, ilustrado e deseñado por Marc Taeger, obtivo o primeiro premio na categoría de Libro Infantil, na que tamén recibiu un diploma o álbume titulado “Renato”, escrito e ilustrado por Manuel Hidalgo e editado asimesmo por KALANDRAKA.

Na categoría de Ilustración, na que estaban nominadas ámbalas dúas obras, “A verdadeira historia de Carapuchiña” obtivo outro diploma.

Taeger elaborou unha proposta gráfica vangardista que contrasta co clasicismo da historia escrita por Antonio Rodríguez Almodóvar, galardoado tamén recentemente co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2005. Destaca o xogo cromático realizado polo ilustrador, o uso de técnicas específicas coas que desenvolveu un proceso de experimentación previo e a súa variada representación dos personaxes da Carapuchiña e do Lobo. “Cada representación responde ás distintas maneiras que cada un ten de ver a Carapuchiña”, explica Marc Taeger

Marc Taeger (Berna, 1963) viviu en Italia, Alemaña e Portugal antes de instalarse en España. Estudou deseño gráfico en Barcelona e actualmente reside en Galicia, onde segue traballando como ilustrador e deseñador para medios de comunicación e axencias de publicidade. A súa obra expúxose en países como Luxemburgo, China e Francia. Ao longo da súa traxectoria recibiu diversos galardóns, como o Premio da Asociación de Ilustradores de Cataluña por un traballo multimedia e catro premios Laus que outorga a Asociación de Deseñadores Gráficos para o Fomento das Artes Decorativas (ADG-FAD).

En canto a Manuel Hidalgo (Madrid, 1967) a obra seleccionada polo xurado dos premios Daniel Gil contén un atractivo deseño e imaxes de gran forza plástica. O autor e ilustrador de “Renato” ten colaborado en medios de comunicación e revistas. Tamén elabora proxectos multimedia, traballos para publicacións de banda deseñada e libros infantís. Recentemente recibiu o Premio Lazarillo de Ilustración 2005.

O Premio Daniel Gil, que este ano acada a súa terceira edición, supón un recoñecemento profesional aos deseñadores e ás editoriais que apostan polo deseño como elemento diferenciador dos seus libros. A Revista Visual, unha das máis prestixiosas do mundo neste eido, convoca estes galardóns como homenaxe ao deseñador Daniel Gil (Santander 1930-Madrid 2004) pola súa aportación a este xénero e a innovación da linguaxe gráfica que supuxo o seu estilo persoal.
Kalandraka Editora (Dpto. Comunicación)