Ir o contido principal
iniciar sesión

A Asociación Cultural Xábrega de Ares organiza actividades centradas no deporte, poesía, música e Ciencia para o primeiro cuatrimestre de 2006

A Asociación Cultural Xábrega de Ares organiza unha charla co exfutbolista do Celta de Vigo, José Luís Mosquera, a presentación do novo libro de contos da escritora Clementina Vidal Caramés, un concerto da Orquestra de Corda do Conservatorio de Música de Ferrol e unha conferencia a cargo do biólogo mariño Javier Cristobo Rodríguez, un dos responsables da Estación Naval Marítima da Graña.

O deporte será o protagonista da primeira das actividades organizadas por Xábrega. O exfutbolista profesional do Celta, José Luís Mosquera Losada, impartirá o sábado 28 unha charla baixo o título “Aprendendo co balón” na que explicará a pequenos e maiores a súa experiencia como xogador en diferentes equipos como o Celta de Vigo, o Extremadura, o Valladolid, o Racing de Ferrol e tamén como adestrador no Racing Vilalbés. A esta charla están especialmente invitados os rapaces e rapazas que xogan nas categorías inferiores do Clube de Fútbol Numancia de Ares. A charla terá lugar ás 19.00 horas nas Escolas do Lago.

Por outra banda, o 25 de febreiro a poetisa Clementina Vidal Caramés presentará o seu novo libro de relatos “8 días, 8 contos”, editado por Taller do Poeta. Clementina Vidal é autora de varios libros de poemas e contos como “Homes, mulleres e nenos”, “Poemas tristes e alegres” e “Alquimia”, ademáis é pintora. No mes de marzo a música clásica será o prato forte do programa de Xábrega. O 25 de marzo na Igrexa parroquial de San Xosé celebrarase un concerto a cargo da Osquestra de Corda do Conservatorio de Música de Ferrol, dirixida por Emma Urango e formada por alumnos e alumnas de Grao Medio do Conservatorio de Ferrol.

Por último o 29 de abril o biólogo mariño Javier Cristobo Rodríguez ofrece unha conferencia baixo o título “De Ares á Antártida”, na que relatará as súas viaxes de investigación por todo o mundo, especialmente a súa estancia na Antártida, na base “Gabriel de Castilla”. Esta expedición foi visitada por El Rei Xoan Carlos en Xaneiro de 2004, e na base figura o nome de Ares no indicador de direccións e distancias que se instalou xusto no polo sur.
Asociación Cultural Xábrega de Ares