Fabiola Sotelo reafirma o compromiso da Xunta cos Obxectivos do Milenio establecidos pola ONU para traballar polo desenvolvemento

Nun encontro cun grupo de rapaces e rapazas, alumnos do IES de Fontiñas, a directora xeral de Cooperación Exterior, explicoulles as propostas do Goberno autonómico en materia de cooperación ao desenvolvemento e reiteroulles a vontade da Xunta de contribuír ao cumprimento dos oito obxectivos do milenio.
Así mesmo, Sotelo interesouse polas mensaxes deixadas polos nenos e nenas que visitan a exposición na “banda branca”, un rolo de papel de preto de 50 metros de lonxitude que recolle as reflexión dos escolares despois de coñecer os “Obxectivos do Milenio”.
A exposición
A exposición consta de 16 esculturas que debuxan oito arcos. Cada escultura simboliza a un neno con grandes pés ancorados nos problemas do mundo, un corazón sensible latexando mensaxes de solidariedade e unha cabeza que, en forma de engrenaxe pensante, analiza de maneira intelixente como resolve-los problemas do mundo. O obxectivo da exposición é dar a coñecer os Obxectivos Do Milenio á cidadanía con especial atención aos escolares. Santiago de Compostela e a única cidade de Galicia que recibirá a exposición que está englobada na campaña a nivel mundial desenvolta polas Nacións Unidas. A exposición está instalada no Centro Comercial Área Central ata o 18 de febreiro.
A Campaña do Milenio

Os oito obxectivos do Milenio foron adoptados de xeito unánime polos 189 xefes de Estado e Goberno das Nacións Unidas en setembro de 2000. Estes obxectivos refórzanse mutuamente e representan un “Pacto Global” ente todos os países (ricos e pobres) baseado na responsabilidade mutua de construír un mundo máis seguro, máis próspero e máis equitativo para todos antes de 2015.
Os obxectivos do Milenio son os seguintes:
1- Erradicar a pobreza extrema e a fame
2- Acadar a ensinanza primaria universal
3- Promover a igualdade entre xéneros e a autonomía da muller
4- Reducir a mortalidade infantil
5- Mellorar a saúde materna
6- Combater o VIH/SIDA, o paludismo e outras enfermidades
7- Garantir a sostenibilidade do medio ambiente
8- Fomentar a asociación mundial para o desenvolvemento
A través das actividades desta campaña búscase espertar a sensibilidade, xerar conciencia social e promover a vontade política necesaria para acadar os 8 obxectivos do desenvolvemento do Milenio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia