Ir o contido principal
iniciar sesión

O Igaem abre o prazo de incrición para a selección das compañías participantes na XIV Feira do Teatro de Galicia

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte vén de abrir o prazo de inscrición para a selección das compañías participantes na Feira do Teatro de Galicia, que celebra a súa décimo cuarta edición entre os días 13 e 17 de xuño en distintos espazos da cidade de Santiago. O grupos profesionais galegos de teatro e danza interesados en participar poden remitir as súas propostas á sede do IGAEM ata o vindeiro 27 de febreiro.

As compañías candidatas a exhibir os seus espectáculos na XIV Feira do Teatro de Galicia deben estar inscritas, así mesmo, na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Ademais, deberán concorrer con producións xa estreadas noutros escenarios con data posterior á da finalización da anterior edición da Feira (16 de abril de 2005), aínda que esta condición temporal non se esixirá no caso dos espectáculos de danza.

CALIDADE E NOVAS LINGUAXES

Unha vez recibidas todas as propostas, unha comisión integrada por profesionais do sector escénico encargarase da selección das compañías. Na súa valoración, terá en conta tanto a calidade artística dos espectáculos presentados (dirección, texto, interpretación, espazo escénico, sonoro, iluminación, música, vestiario, etc.), como o interese do proxecto, o risco da posta en escena e a aposta por linguaxes innovadoras e contemporáneas.

Neste sentido, os grupos interesados deberán achegar información sobre a traxectoria da compañía, as fichas artística e técnica da montaxe, o calendario de actuacións realizadas e previstas, e unha gravación do espectáculo, entre outra documentación.

Para as compañías galegas, a participación na Feira do Teatro supón unha oportunidade de encontro cos numerosos programadores e técnicos culturais de dentro e fóra de Galicia que acoden cada ano a esta cita cara á contratación dos seus últimos espectáculos. A organización asume o 75% do caché co que as montaxes seleccionadas están inscritas na Rede Galega de Teatros e Auditorios e tamén aporta a dotación técnica especificada na ficha de cada espectáculo.
Igaem (Xunta de Galicia)