Ir o contido principal
iniciar sesión

Ana Maria Matute no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra


Non hai calificativos que a describan, esta muller incorfomista e fondamente sabia negouse a impartir unha conferencia e só quixo atender ás preguntas do público. Obsequiounos a todos cunhas respostas saborosamente longas.


Os dous contos favoritos de Ana María Matute son “O Patiño Feo” e “A Sereíña”. Dixo Ana María que os contos para nenos son o máis parecido que existe á poesía, porque dan o máximo a través do mínimo. A escritora opina que cambiarlle o final ós contos clásicos para facelos politicamente correctos é absurdo, monstruoso e estúpido, e a estupidez, dixo “é aínda peor que a maldade”. “¿Por qué os nenos non len? Porque lles quitaron o sal e a pementa ós libros. ¿Queremos crear nenos imbéciles que se darán de tortas coa vida cando se lles poña á fronte? A min encantábame o lobo porque é sumamente atractivo e ó lobo valo atopar na vida cando sexas maior. Carapuchiña Vermella, como dixen moitas veces, é parva, ¡mira que confundir ó lobo coa súa avoa!” Ana María deulle a noraboa a Harry Potter por conseguir traer de volta ós nenos á lectura.


A autora de “Sólo un pie descalzo” asegurou en Pontevedra que deixou de escribir para nenos cando medrou o seu fillo. “Eu escribía para el e os outros nenos que viñan á casa e, claro, deixou de ter senso cando se convertiron nuns señores con bigote”. “Ler un libro a un neno é como facerlle crear un libro a ese neno, porque o ten que imaxinar todo. Cando a min me lían os contos do bosque, eu chegaba a percibi-lo aroma, a oí-lo canto dos paxaros”. “Eu empecei a escribir con cinco anos. Cando me lían contos pensaba que cando fose maior quería facer precisamente iso, escribilos. Eu lía: Hans-Christian-Andersen e vía: Ana-María-Matute. Por iso escribo e quero seguir escribindo: para que a xente sexa feliz lendo”. Con todo, confesounos que non estaba nada contenta de pertencer á especie humana, “teño uns canciños deliciosos que se comportan infinitamente mellor ca min, aínda que tamén hai cans malos”.

Ana María Matute non desbotou regresar á literatura para nenos porque dixo “agardo vivir dez anos máis” e non quixo desvelar detalles sobre o libro que está a piques de rematar, tan só apuntou que trataba sobre o desexo e que lle encantaba: “se non te encanta, paga máis a pena que non o escribas”.

PREVISIÓNS XOVES 09 DE FEBREIRO


VISITAS DE ESCOLARES (467 nenos e nenas):
-EEI Os Campos
-CEIP Viñas
-CEIP Armenteira
-CEIP Pontesampaio
-CEIP Paio Gómez
-CEIP Campolongo

Proseguen os obradoiros, contadas e visitas guiadas para escolares en horario de mañá.
Tamén continúan os obradoiros para adultos do seguinte xeito:
-ANIMACIÓN Á LECTURA, ANA GARCÍA CASTELLANOS. É tecedora de contos desde que descubriu os prodixios dos libros e das palabra. Esta fascinación levouna a contar e viaxar polo mundo como unha mestra e unha referencia para contadoras e contadores. Formouse como actriz na Aula de Teatro da Universidade Autónoma de Madrid, onde seguía os seus estudos de Dereito. Dario Fo engaiolouna coas súas fabulacións e Lecoq aprendeulle o idioma do corpo. Traballou na radio e como profesora de FP, pero a súa paixón pola literatura e o teatro levouna sen remedio ao oficio de contacontos. Imparte obradoiros de formación en centros de profesores e en outras institucións, como a Universidade de Coimbra, o Instituto Cervantes de Bruxelas ou a Escuela de Educadores da Comunidad Autónoma de Madrid. Na actualidade imparte a materia de “Narración de Cuentos” no Curso de Posgrao de Promoción da Lectura da Universidade de Castilla-La Mancha. Como autora, ten publicados diversos títulos de narrativa, poesía e teatro infantil e xuvenil. A súa participación co conto de contido ecolóxico Glup, Flip y la ciudad, dentro do proxecto “Cuentos y Medio ambiente” da Comunidade Europea, fíxoa merecedora do recoñecemento como mellor proxecto do ano 1998 de Educación Medioambiental da Unión Europea. Ademais, foi Premio de Narrativa da Universidade Autónoma de Madrid, Hucha de Plata en 1981 e Premio “La Flauta mágica” de relato en 1997. Aínda que traballa tódolos autores e todo tipo de contos, para nenos e adultos, dedica unha especial atención á recreación de autores clásicos para todos os públicos. Cantos y Cuentos de Don Quijote, La ReGeneración del 98, o El Libro de Buen Amor, Oficio de Trotacuentos foron representados no Festival de Almagro, Bruxelas, Arxentina, Uruguai ou Porto Rico. Entre os seus últimos traballos está “El Reina Sofía tiene mucho que cuent-Arte”, para o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou “El Cuentafueros”, recreación xograresca do Concejo de Alcaldes que elaboraron os primeiros fueros de Madrid.

Gabinete de prensa do Salón do Libro