A USC comezará este ano a construción do seu Centro de Investigación en Química
O Centro de Investigación en Química da Universidade de Santiago de Compostela, que ten a súa orixe nas necesidades plantexadas neste campo e que pretende dar resposta aos retos de futuro, costará 9 millóns de euros e ubicarase no Campus Sur, ao carón da Facultade de Matemáticas, xunto ao novo edificio que albergará as novas instalacións de investigación en Bioloxía.O Consello de Dirección da USC enmarca esta acción, xunto coa reforma da Facultade de Química, dentro do Plan Xeral de Ordenación do Campus co que se pretende unha planificación a medio e longo prazo en función dun novo concepto de desenvolvemento infraestrutural, tendo en conta as necesidades presentes e futuras no ámbito da docencia, a investigación e o emprendemento. Este centro de investigación, segundo puxo de manifesto o reitor nunha sesión informativa cos integrantes da Facultade, conta cunha achega externa de 7,59 millóns de euros, procedentes do FEDER e dun convenio coa Consellaría de Innovación e Industria e o Ministerio de Educación y Ciencia.
Na actualidade está redactado o proxecto básico, mentres que o de execución atópase en proceso, onde se contempla a edificación cunha orientación modular e flexible que, segundo os prazos previstos, estará concluida en 18 meses a partir de mediados deste ano, data previsible do concurso público para adxudicación da obra. Sobre rasante terá baixo e tres prantas (en total 5.858 metros cuadrados de superficie) e outras catro soterradas (7.057 metros cuadrados).
A organización deste centro desenvolverase conforme a unha proposta baseada nunha definición temática coherente co seu contorno científico e tecnolóxico e procurando un equipamento e infraestruturas singulares que contribúan á interacción entre os grupos de investigación da Universidade e externos.
Reforma da Facultade de Química
Dentro do mesmo Plan, a USC contempla a reforma da Facultade de Química co obxecto de dotar a este centro dunha funcionalidade e condicións de habitabilidade e traballo semellantes ás dos novos edificios. Estableceranse aquí zonas diferenciadas segundo o uso, docencia, investigación, servizos ou administración, tratando de modernizar e mellorar a súa funcionalidade.Para esta remodelación, procúrase a coordinación máxima entre a actividade docente e investigadora, acompasando as obras de reforma coa entrada en funcionamento do novo centro de investigación. Para a súa execución, redactarase un plan director da reforma no que participarán unha comisión específica que definirá as necesidades, usos e distribución dos espazos dos dous centros. No caso concreto da Facultade de Química a estimación provisoria da superficie que se dedicará a aulas é de 2.648 metros cuadrados, a laboratorios de prácticas de docencia algo máis de mil metros e case cinco mil a espazos de investigación.
Gabinete de Comunicación da USC

