Ir o contido principal
iniciar sesión

Innovación e Industria incorporará preto de 100 investigadores cada ano a empresas e centros tecnolóxicos

Salustiano Mato de la Iglesia, Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria, explicou ante a Comisión 6ª do Parlamento o Plan de Incorporación de Investigadores ao sector privado, en resposta a unha pregunta parlamentaria do Grupo Popular.

Salustiano Mato informou de que un dos obxectivos primordiais do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I 2006-2010, que será aprobado previsiblemente no vindeiro mes de marzo, é a incorporación de investigadores ao sector privado, a través de reforzar os vínculos e o intercambio de experiencias entre as universidades e as empresas, dado que as primeiras son a fonte primordial para a captación de recursos humanos. Esta iniciativa é unha novidade do futuro Plan, que nace co obxectivo de paliar a carencia de personal investigador no ámbito privado.

O director xeral de I+D+I anunciou que a primeira convocatoria pública de contratos de incorporación ao tecido empresarial e a centros tecnolóxicos e de investigación privados será lanzada antes do verán, cando o Plan Galego de I+D+I 2006-2010 esté en plena vixencia, e o número de contratos que se subvencionarán cada ano será de arredor de 100 entre doutores xoves, consolidación de doutores con formación postdoutoral, tecnológos e personal de apoio á investigación. O director xeral de I+D+I aclarou que o formato da convocatoria de prazas en centros privados e empresas será a través de convocatoria pública en concorrencia competitiva.

Deste xeito, o Plan Galego de I+D+I define, por vez primeira, a carreira investigadora dos científicos e científica galegas en todas as súas fases -dende a etapa de postgrao até a incorporación estábel aos centros de destino-, tanto no sector público como no sector privado. Salustiano Mato explicou que se trata do programa de recursos humanos máis ambicioso do Estado Español, dado que non existe ningunha comunidade autónoma nin goberno central que dispoña tantas medidas encamiñadas á desprecarización dos investigadores e á incorporación de investigadores ao tecido público e privado de investigación. De feito, tan só no ano 2006, a Dirección Xeral de I+D+I destinará máis de 6 millóns de euros ao Programa de Recursos Humanos, unha cantidade que permitirá pasar de 70 a 200 contratos a investigadores anuais, entre personal de I+D e personal investigador no sector público e privado de I+D.

O obxectivo desta iniciativa é suplir un dos problemas máis graves no Sistema Galego de I+D+I que é a carencia de investigadores e investigadoras nas empresas. En Galiza, a distribución do personal investigador é escandalosamente desproporcionada: un 78,9 % para o sector público e un 21,1 % para o sector privado, diferindo enormemente da UE, onde hai un 50% en cada sector. As diferenzas acentúanse máis se as comparamos coas dos Estados Unidos ou Xapón, onde os investigadores e investigadoras nas empresas constitúen o 70% do total. Por todo isto, a incorporación de investigadores ao sector privado será central dentro do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I 2006-2010. Para conseguir incrementar o número de investigadores no sector privado, faráse especial fincapé en engadir á formación dos científicos contidos de xestión das organizacións e de fomento do espírito emprendedor.

Canto á xestión do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I 2006-2010, a Lei 12/1993, de 6 de agosto, de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galiza que desenvolve a competencia investigadora de Galiza e crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, establece que a responsabilidade sobre o Plan é competencia da Xunta de Galicia e, dentro dela, da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía (CICETGA) e da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, á que corresponde a elaboración do proxecto. A Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (CICETGA) é o órgano encargado da planificación, elaboración, coordinación e seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e será a encargada de elevar á Xunta de Galicia o Plan, de execución quinquenal, que dotará de coordinación e coherencia todas as actuacións desenvolvidas neste ámbito. Aínda que é á CICETGA a quen lle compete aprobar o Plan, Salustiano Mato non descartou realizar algunha comparecencia parlamentaria para explicar medidas concretas que contempla o novo Plan.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia