Ir o contido principal
iniciar sesión

Entrega de premios do II Certame de Pintura Concello de Brión: Novos Valores 2005

A velada comezou ás 20:30 horas, cunha notable asistencia de público que practicamente encheu o salón onde se celebrou o acto, cedido amablemente polo Hotel-Balneario. A ocasión serviu tamén para inaugurar a exposición que baixo o título de “Novos Valores 2005” na cal se recolle a totalidade das obras que concursaron no certame, e que vai estar aberta ao público ata o día 31 de marzo nas instalacións do mencionado hotel.

Tras unha presentación, deuse lectura á acta do xurado, que estivo composto polo alcalde D. Xosé Luís García García; o deseñador de cerámica de Sargadelos, D. Xosé Vizoso Fernández; o escritor D. Daniel Buján Núñez; o presidente da Asociación de Artistas Plásticos Galegos, D. Xosé Vázquez Castro; o pintor D. Luís Romero; e mailo técnico de cultura de Brión, D. Alberto Álvarez Escudero.

Foron catro os mozos e mozas de distintos lugares da nosa Comunidade, que co seu talento convenceron ao xurado. A relación de premiados, foi a seguinte:

Categoría A (de 14 a 19 anos):

1º Premio, dotado con 600 € e diploma acreditativo: Laura Camazón Lourido, de Ferrol.

2º Premio, dotado con 400 € e diploma acreditativo: Carlos Rubio Morena, de A Coruña.

Categoría B (de 20 a 30 anos):

1º Premio, dotado de 600 € e diploma: Elena Sánchez Briz, de A Coruña.

2º Premio, consistente en 400 € e diploma acreditativo: Lucas Ricoy Castro, de Brión.

O alcalde do concello, D. Xosé Luís García García salientou a importancia de promover aos xoves valores da nosa pintura, agradecéndolles a tódolos artistas a súa participación. Tamén transmitiu os seus parabéns ás mozas e mozos premiados. Pola súa banda, o Concelleiro de Cultura, José Pedro Cambón deu as grazas ao presidente da Fundación Feiraco, D. Jesús García Calvo, pola colaboración desta institución, que fixo posible co seu patrocinio a convocatoria dun certame que, con toda seguridade, ten garantida a súa continuidade dada a magnifica acollida das dúas primeiras edicións.

O acto rematou cun animado cóctel no que participaron todos os asistentes, e que deu pé para inaugurar a exposición “Novos Valores 2005”, que recolle unha mostra de todas as obras presentadas a concurso, e que vai estar aberta ao público dende o 17 de febreiro ó 31 de marzo no Hotel Balneario de Compostela, no lugar de O Tremo-Os Ánxeles (Brión).
Alberto Álvarez Escudero (Técnico de Cultura do Concello de Brión)