Ir o contido principal
iniciar sesión

Fademga Feaps Galicia logrou no 2005 a inserción laboral de 48 persoas con discapacidade intelectual

FADEMGA FEAPS GALICIA conseguir a inserción laboral o pasado ano 2005 dun total de 48 persoas con discapacidade intelectual en Galicia a través das catro oficinas colaboradoras do Servizo Galego de Colocación que o Departamento de Emprego ten nas cidades de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo, promovidas pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo e Asuntos Sociais.


Nestas oficinas xestiónanse diariamente todo tipo de actividades enfocadas á procura de emprego e formación para persoas con discapacidade intelectual de Galicia. Os orientadores e preparadores laborais que traballan nas mesmas realizan labores de orientación, asesoramento, formación e xestión de inserccións laborais para as persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia. Realízanse entrevistas de orientación laboral, accións individuais de seguemento, tarefas de selección, entrevistas de información a familias, xestión tanto de demandas como de ofertas no Servizo Galego de Colocación, así como visitas tanto a entidades federadas a Fademga Feaps Galicia como a entidades non federadas, visitas a oficinas de emprego, a servizos sociais, e a empresas co claro obxectivo de facilitar que cada día as persoas con discapacidade intelectual poida chegar ao mercado laboral dun xeito máis doado.

O balance do pasado ano 2005 considérase positivo ao conseguir que un total de 48 persoas con discapacidade intelectual chegaran ao mercado laboral e poideran integrarse socialmente realizando un traballo. Das 48 inserccións un total de 19 foron realizadas na provincia da Coruña, 5 na provincia de Lugo, 13 na provincia de Ourense e 11 na provincia de Pontevedra.



Neste ano 2006 dende Fademga Feaps Galicia espérase que as contratacións de persoas con discapacidade intelectual en Galicia aumenten considerablemente e as expectativas a día de hoxe son positivas xa que dende xaneiro existen nas catro oficinas unhas 40 contratacións pendentes que se están xestionando (12 na provincia de A Coruña, 5 na provincia de Lugo, 15 na provincia de Ourense e 8 na provincia de Pontevedra).

O pasado ano 2005 entrevistáronse nas catro provincias galegas a un total de 393 persoas con discapacidade intelectual que estaban á procura dun posto de traballo en Galicia e realizáronse un total de 130 visitas a empresas para informar e asesorar sobre as modalidades de contratación de persoas con discapacidade intelectual,

Os postos de traballo no que se ubicaron as 48 persoas con discapacidade intelectual contratadas foron como xardineiro (11), peón recollida de papel (10), limpiador (3), mantemento (3), ordenanza (3), peón (3), repoñedor (2), repartidor (2), mozo carga e descarga (2), auxiliar de cociña (2), albanel (2), aprendiz camareiro (1), aprendiz escaiolista (1), auxiliar de mecánica (1), peón carpinteiría (1), utillero (1).

As modalidades contractuais predominantes foron 16 contratos indefinidos, 22 temporais (dos que 13 foron por 1 ano de duración), 6 contratos temporais prorrogables e 4 contratos por obra.

Dos 48 traballadores aos que se lles conseguiu un traballo no 2005 actualmente atópanse en activo un total de 33, mentres que o resto de traballadores, a excepción de dúas baixas voluntarias, atópanse novamente na procura de emprego.


Emprego Público

No referido ao emprego público Fademga Feaps Galicia leva anos valorando as dificultades que se atopan as persoas con discapacidade intelectual para acceder o emprego público (tipo de probas, temarios, contidos, etc). Aínda que a lexislación actual recoñece unha cota de reserva dun 5% das prazas para persoas con calquera tipo de discapacidade, Fademga Feaps Galicia considera que as persoas con discapacidade intelectual polas súas limitacións cognitivas, e características específicas quedan na realidade excluídas de feito de dito cupo. Con todo teñen e poden demostrar as súas capacidades como veñen facendo na empresa ordinaria a través do emprego con apio (con formación específica no posto).

A adaptación de medios e tempos existente na actualidade non son medidas suficientes para que as persoas con discapacidade intelectual poidan competir en igualdade de condicións que o resto das persoas con discapacidade e menos aínda que o resto dos cidadáns. En breve dende Fademga Feaps Galicia presentaranse os plantexamentos e condicións que considera deben reunir as convocatorias para o acceso ao emprego público para que realmente sexa tamén dereito para as persoas con discapacidade intelectual.
Cristina Díaz