Ir o contido principal
iniciar sesión

O Centro Dramático Galego estrea ante o público infantil de Ferrol o espectáculo A cabana de Babaigá

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea na capela do Centro Cultural Torrente Ballester A cabana de Babaiagá, espectáculo de música e narración oral dirixido ao público infantil que dirixe Paula Carballeira. Esta produción, que se insire na programación da nova etapa aberta na compañía pública, ofrece ante os escolares da comarca de Ferrolterra 8 funcións (dúas cada día, ás 10:00 e ás 12:00 horas) para continuar até o mes de maio cunha xira por distintas localidades que conta xa con 56 representacións pechadas.

A producción foi presentada nun acto que presidíu na Casa do Concello de Ferrol o alcalde Juan Juncal, e no que participaron Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; José Manuel Couce Fraguela, concelleiro de Cultura; Ánxeles Cuña, directora do CDG; e Paula Carballeira.

A cabana de Babaigá diríxese especialmente ás nenas e nenos de entre 6 e 11 anos, aos que se lle presenta un espectáculo no que a historia de dous personaxes, a rapaza Natasha e a bruxa Babaiagá –os dous encarnados por Paula Carballeira-, discorre en paralelo á interpretación en directo dunha selección de pezas musicais de compositores do leste europeo que realizan Alfredo Gómez (clarinete), Alexandre Lugo (viola), Yuri Sdar (baixo acústico), Manolo Vázquez (frautas, gaita, xilófono, percusión) e Vadzim Yujnevich (baian).

Campaña pedagóxica en tres fases

O CDG persegue con esta produción a captación de público infantil para os espectaculos teatrais, para o que planificou unha campaña pedagóxica dividida en tres fases. Na primeira os nenos presenciarán a montaxe sobre a que despois poderán incidir nas aulas coa axuda da unidade didáctica específica, por medio da que tamén se fará fincapé nos contidos educacionais transversais que contén o texto. Nunha segunda fase serán os cativos os que contarán as súas propias historias, tanto de creación persoal como recollidas da tradición do seu entorno xeográfico ou afectivo. Na última fase, cos contos recompilados farase unha selección que será publicada e voltará de novo aos colexios como material pedagóxico.

A cabana de Babaiagá fálanos doutras terras, doutros costumes e de como a valentía e a loita por rachar límites e por se introducir no terreo do descoñecido ten a súa recompensa nunha aprendizaxe que permite coñecermos un pouco máis. O misterio, o humor e a aventura son algúns dos atractivos deste conto, potenciados pola música en directo que recrea unha atmosfera evocadora que intenta levar aos espectadores até a estepa rusa mediante a imaxinación e o poder suxestivo das palabras e das melodías.

O CDG compatibiliza a produción e distribución de A cabana de Babaiagá coas de Illa Reunión, a outra obra que mantén en cartel, estreada o pasado venres día 3 en Santiago de Compostela baixo a dirección de Ana Vallés. Os dous proxectos, que forman parte do ciclo “Mes Violeta” da Consellería de Cultura e Deporte, realizarán nos próximos meses distintas representacións por toda Galicia. Así, A cabana de Babaiagá estará en Ribadeo (do 14 ao 17 de marzo), Monforte de Lemos (28 e 29 de marzo), Santiago (do 5 ao 30 de abril), Oleiros (do 2 ao 5 de maio) e Viveiro (do 9 ao 12 de maio). Illa Reunión poderá verse en Santiago ata o 2 de abril e en Narón (7 e 8 de abril), Vigo (5 e 6 de maio), Ourense (12 e 13 de maio), Ribadeo (26 de maio) e Ferrol (2 e 3 de xuño).

A cabana de Babaigá

"Sempre houbo, hai e haberá bruxas. A nosa bruxa chámase Babaiagá porque vén da tradición eslava, das frías terras rusas. A nosa bruxa vive nunha cabana coas patas de galiña, ten os dentes de ferro e as unllas de aceiro. E alá onde houbo, hai e haberá unha bruxa, tamén houbo, hai e haberá alguén que pete na porta da súa cabana e que lle diga: “Non che teño medo”. Por iso a nosa historia non fala de bruxas, fala de medos.

Os nosos medos poucas veces teñen corpo, son tan vellos como vella é a humanidade. O medo á morte, ao descoñecido, ao que se agocha na escuridade ou entre as pólas das árbores, o medo a medrar, parten do temor a deixar de ser o que somos, a que algo ou alguén nos empurre a mirarnos nun espello e que non nos guste o que vexamos.

Desde sempre, os contos tradicionais amosan unha maneira de entender o mundo. Están ligados a unha cultura, a un xeito de afrontar a vida. O mesmo pode dicirse da música, das composición de autores como Mussorgsky, Rimsky-Korsakov, Rachmaninov, Tchaikovsky, Shostacovich, Grechaninoff ou Luov-Companeets. Nas súa pezas descubrimos o ambiente popular, como na Canción napolitana de Tchaikovsky, os costumes, como nas Matrioskas de Luov-Companeets, e, por suposto, a mitoloxía, como na Cabana das patas de galiña de Mussorgsky. Todos eles evocan uns espazos, uns personaxes, unhas accións coas que podemos imaxinar unha historia, un conto novo e vello á vez.

Presentamos A cabana de Babaiagá, un proxecto no que a música e a narración oral convidan a saír da nosa vida cotiá, da nosa seguridade, e viaxar na procura do perigo, da aventura, da cabana da bruxa Babaiagá, a través das palabra e das pezas dos máis prestixiosos compositores rusos dos séculos XIX e XX. Quen se arrisque a viaxar connosco coñecerá a historia da meniña Natasha e, se cadra, medrará con ela.

Pretendemos que a súa historia sexa a nosa, aínda que veña de Rusia, e que nos demostre que os medos e as inquedanzas non teñen fronteiras.

Porque poida que acabemos coa bruxa, pero o conto nunca estará rematado."
Gabinete de Comunicación do IGAEM