Ir o contido principal
iniciar sesión

Traballo destina 124 millóns de euros á posta en marcha dunha serie de medidas co fin de mellorar a empregabilidade e estabilidade entre a mocidade galega

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, interveu no pleno do Parlamento para explicar as dez medidas urxentes que pon en marcha o seu departamento para fomentar o emprego entre os mozos e as mozas galegas, para as que vai destinar a maior dotación orzamentaria dos últimos anos cun orzamento de 124 millóns de euros.

Varela asegurou que dende o Goberno, “somos conscientes de que os países poderán permitirse algunhas cousas, pero en ningún caso o luxo de perder a súa intelixencia pola marcha dos seus homes e mulleres máis preparados que son unha garantía e o futuro do País”. Isto xustifica a posta en marcha do Diálogo Social, onde a través de acordos tripartitos, “logremos un Gran Pacto polo Emprego en Galicia, que aporte solucións para mudar esta situación”. Entre tanto nos se vexan os resultados as medidas adoptadas e basicamente consensuadas cos axentes sociais e económicos, contemplan “programas de mellora de empregabilidade vinculados á xuventude na súa totalidade, permitindo a extensión a todos os demandantes de emprego, sen necesidade de adhesións individuais”, engadiu o conselleiro.

Nese senso, Traballo proponse proporcionar á mocidade en paro “unha acción de formación e ocupación que lles facilita a súa incorporación ou reincorporación ao mercado de traballo cunha perspectiva de estabilidade”, onde de acordo coa finalidade de cada medida, estableces unha orde de preferencia para participar en cada programa: as mozas, os demandantes de primeiro emprego, os demandantes de longa duración e os demandantes sen cualificación profesional.

Segundo Ricardo Varela para a consecución deste obxectivo aplicaranse diferentes políticas activas que se agrupan en tres bloques, programas de mellora da empregabilidade, accións para o fomento do emprego e da estabilidade e programas de apoio aos emprendedores, o autoemprego e a economía social.

Axudas á formación e cooperación

Durante a súa intervención, o conselleiro avanzou as dez medidas innovadoras que van acompañando a unha nova reorientación de programas xa existentes, dotándoos de contido e utilidade. Cinco destas medidas irán encamiñadas directamente aos desempregados, polo que se valorará o nivel de competencias mediante accións de orientación laboral, a través dos 74 orientadores do Servicio Público de Emprego. Ademais prevense subvencionar a contratación de máis de 200 orientadores por parte das entidades asociadas co fin de que se poidan realizar accións de orientación con 53.736 demandantes, dos cales 15.780 son menores de 30 anos.

Outras accións fomentarán a creación de empresas de economía social nos novos xacementos de emprego, especialmente os universitarios e así os programas de promoción do emprego fomento de emprego en Cooperativas, iniciativas locais de emprego e iniciativas de emprego de base tecnolóxica. Os beneficiarios serán os mozos, xa que se consideran un colectivo beneficiario de todas as axudas e recibirán un sobreincentivo ao establecemento, con carácter xeral e/ou acceso a determinadas liñas de axuda.

A esto hai que engadir ó maior nivel de cualificación, a facilidade á información, as redes de apoio e asesoramento que existen en todo o territorio galego, a simplificación burocrática a hora da creación de novas empresas e sobre todo a aposta decidida por evitar a marcha dos nosos mozos, fainos apostar por eles tamén neste tipo de iniciativas

Ricardo Varela anunciou o establecemento de procesos de orientación e formación en alternancia para os parados sen estudios de tipo profesional, e dicir a través das escolas obradoiro, casa de oficios e obradoiros de emprego. “Téntase formar a mozos sen formación básica, fundamentalmente a parados que tiveron fracaso escolar, ó tempo que se lle da unha formación xeral que lles permite completar esa formación, obtendo a titulación académica”, engadiu o conselleiro.

Por outra banda, accións de formación profesional, co obxectivo de impartir un total de 2.000 accións formativas que beneficiarán a uns 30.000 desempregados, sendo fundamental a dirixida ós parados que carezan de todo tipo de formación. “Preténdese dar formación a 16.000 mozos e mozas menores de 30 anos que carecen dela ou a súa cualificación resulta insuficiente ou desfasada” sinalou Varela. Outra das apostas de Traballo será “ofertar a posibilidade de adquirir experiencia laboral a través da realización de obras ou servicios de interese xeral ou social que lles permita o acceso a un posto de traballo, ben por conta allea, ben a través das distintas fórmulas de economía social ou autoemprego, unha vez rematada a contratación subvencionada”. No 2006 estimase que participen nestes programas experienciais uns 5.600 beneficiarios dos que o 60% sexan menores de 30 anos.

O colectivo feminino é un dos sectores que precisa dun maior apoio, por iso “adoptaranse medidas que faciliten a incorporación das mulleres en ocupacións onde están infrarrepresentadas, a través de acordos e Convenios para a realización de cursos de formación con compromiso de contratación, así como varias medidas encamiñadas ao fomento do emprego”, sinalou Ricardo Varela. Ao mesmo tempo, que se aposta pola discriminación positiva real das mulleres, mostra disto- dixo o Varela- “é que na contía das subvencións se establecerá esta discriminación real proporcional ao seu peso no colectivo ais que se dirixe o incentivo”.

Incentivos ás empresas

A Consellería de Traballo tamén propón unha serie de medidas destinadas aos empresarios, que contemplan incentivos á contratación de titulados en prácticas en titulacións con niveis de paro de longa duración. O obxectivo desta medida é incentivar a contratación en prácticas destes titulados de “difícil empregabilidade” subvencionando con 1.000 euros no caso dos homes e ata 4.000 euros no caso das mulleres e fomentar os contratos en prácticas de 12 meses de duración.

Tamén se contempla incentivos á contratación temporal para os casos de substitución de traballadores próximos á xubilación por menores de 30 anos. Neste caso a incentivación por substitución ten dous momentos: por unha banda, o contrato inicial de substitución e posteriormente a transformación dese contrato de remuda en indefinido. No caso dos homes as contías son 7.500 euros, mentres que no caso das mulleres destínanse ata 12.000 euros.

Outra liña de traballo establecerá o fomento á contratación indefinida inicial con aboamento do período de proba, a través dunha subvención á consolidación do contrato indefinido, superado o período de proba. O cálculo do custo do período de proba realizarase tendo en conta a base media do grupo de cotización. Mestres que o incentivo fixado para a consolidación do contrato indefinido, superado o período de proba, ascende a 5.000 euros no caso de homes e 7.500 no caso das mulleres.

Estas medidas tamén contemplan a substitución de traballadores que rematan a súa vida laboral, polo que no caso dos homes aboaranse preto de 4.750 euros e se a contratada é unha muller, a axuda ascende aos 7.500 euros.

A Consellería de Traballo incentivará a transformación de contratos temporais en indefinidos, xa que “a contratación temporal non suxeita a causalidade derivada de actividades extraordinarias das empresas senón que obedecen ás condicións dos contratados (formativos), a necesidades permanentes das empresas (remuda) ou ó encaixe dun traballador ou traballadora na empresa (interinidade, unha vez incorporado o titular), e deben ter un tratamento específico”.

Unha das últimas medidas anunciadas polo conselleiro, céntranse no fomento do emprego xuvenil nas PEMES. “Nas empresas de menos de 30 traballadores existe un baleiro de traballadores cualificados en diferentes departamentos (financeiro, desenrolo e I+D+i, organización...). Con esta medida perséguese a creación destes postos, inicialmente de xeito temporal a través de incentivos á contratación temporal, e posteriormente a súa consolidación a través da transformación en indefinidos”.

Nese senso, subvencionase a contratación inicial en prácticas vinculada a postos de nova creación como paso previo á transformación en indefinidos unha vez consolidado o propio posto, primándose a estabilidade e establecendo unha discriminación positiva para o emprego feminino, así polo período inicial os homes recibirán 1.250 euros e as mulleres 3.000, mentres que as axudas pola transformación en indefinidos, a contía ás mulleres ascende aos 6.000 euros fronte aos 3.750 euros dos homes.

Os datos en Galicia

O conselleiro de Traballo comezou a súa intervención no pleno do Parlamento recordando aos deputados as cifras en materia de emprego que rexistra Galicia, e que sen dúbida é a lacra social que golpea dun xeito directo aos mozos e mozas e ás mulleres. As cifras coas que conta a Consellería de Traballo mostran un mercado laboral mercado por “unha taxa de paro moi alta, cunha forte presencia do paro de longa duración e con graves deficiencias de formación de tipo profesional, unha baixa taxa de emprego, xa que se sitúa no 49,3% e dicir, 6,1 puntos por debaixo da estatal”.

Outra das características o mercado laboral en Galicia centrase nunha “grave desigualdade por razóns de xénero”, para agravar a situación “3 de cada 4 parados menores de 30 anos non teñen ningunha titulación de tipo profesional. Se todo iso non fose suficiente, hai un dato máis que reflicte a difícil situación na que se atopa a nosa xuventude: dos que teñen a sorte de atopar un emprego, un 58,2% é en precario”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia