Ir o contido principal
iniciar sesión

Educación e as Universidades informan en Aula 2006 das principais novidades do ensino superior en Galicia para o vindeiro curso

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, asistiu en Madrid ao acto de inauguración do Salón Internacional do Estudante e a Oferta Educativa ‘AULA 2006’, que estivo presidido pola Infanta Dª Elena de Borbón, e no que tamén participou a ministra de Educación e Ciencia, María Jesús San Segundo.

Durante a inauguración, a Infanta Dª Elena de Borbón detívose no stand de Galicia e interesouse polas ofertas universitaria e de ciclos de formación profesional desta Comunidade Autónoma.

En declaracións a medios de comunicación, a conselleira de Educación cualificou o Salón como “unha oportunidade para presentar o Sistema Universitario de Galicia (SUG)” e informar da “oferta de titulacións, tanto de doutoramento, futuros másteres e das actuais licenciaturas e enxeñerías”. Neste sentido, Laura Sánchez Piñón salientou que durante as horas que leva aberto, o stand do SUG xa foi visitado por un considerable número de estudantes.

A Administración educativa comparte stand en Aula 2006 coas tres universidades galegas no que dan conta da oferta educativa superior na Comunidade galega. Esta iniciativa responde a un dos obxectivos da Consellería de Educación para o ano 2006; isto é, promocionar e difundir o SUG. Laura Sánchez Piñón visitou tamén o stand de Galicia e puido comprobar como se inclúen as principais novidades do ensino universitario para o próximo curso, como son a oferta de másteres públicos.

Neste sentido, a conselleira de Educación lembrou que Galicia ofertará 22 másteres de posgrao a prezos públicos dos 300 que se ofrecerán en todo o Estado. Laura Sánchez Piñón eloxiou o feito de que varios másteres sexan interuniversitarios, ao que se referiu como “unha boa decisión das tres universidades“ que contribúe a potenciar o Sistema Universitario de Galicia e a ofrecer unha imaxe máis compacta do SUG.

O stand, dunha superficie de 52 metros cadrados, está atendido por funcionarios de orientación das universidades e coordinados polo Servizo de Apoio e Orientación da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG.

Entre a información que se facilita no stand galego figura a organización do sistema educativo de ensino superior na Comunidade. Ademais da oferta de titulacións universitarias que se poden cursar en Galicia, o persoal da Consellería informa tamén sobre as ensinanzas superiores non universitarias, isto é, a Formación Profesional de grao superior e as Ensinanzas Artísticas.

Oferta superior non universitaria

O salón Aula 2006 está promovido polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC). Nesta edición ofrece unha completa panorámica das últimas propostas en materia de formación, desde as titulacións universitarias de practicamente todo o territorio nacional e outros estudos superiores, ata ciclos de grao medio e superior, estudos de posgrao e propostas institucionais de formación e emprego.

Ademais, esta feira tamén informa sobre as propostas de e-learning e os servizos de orientación ao estudante na procura do primeiro emprego. Completan a oferta de Aula 2006 organizacións non gobernamentais e un amplo programa de actividades deportivas e divulgativas.

A oferta do salón tamén inclúe a celebración de xornadas técnicas dirixidas a distintos colectivos: alumnos de educación secundaria e bacharelato, alumnos universitarios, profesorado e responsables educativos, pais e nais de familia. Estas conferencias versarán sobre temas como a mellora da convivencia nos centros educativos, a creación de viveiros de empresas, o novo deseño dos estudos de grao nas Universidades, o sistema de intercambio entre centros das universidades españolas (SICUE), e o programa ERASMUS, entre outros.

O Salón Internacional do Estudante e da Oferta Educativa desenvólvese nesta edición baixo o título de 14 anos comprometidos coa Educación. Ao longo dos 10.000 metros do pavillón 9 do Parque Feiral Juan Carlos I, 315 expositores chegados de Comunidades Autónomas, Alemaña, Australia, Estados Unidos, Francia, México, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido e Suíza, ofrecen información puntual da súa oferta universitaria.

Ademais, a adaptación do sistema de ensino superior á Declaración de Bolonia e a construción do Espazo Europeo de Educación Superior serán o eixo da maioría das actividades que se desenvolven de xeito paralelo ao Salón.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia