Ir o contido principal
iniciar sesión

O Campionato de España de Duatlón conta coa presenza de Javier Gómez Noya

A selección galega parte como favorita no Campionato de España de Duatlón por Autonomías que reúne a máis de catrocentos deportistas de todo o estado español os días 18 e 19 de marzo en Santiago.

Fíxosei a presentación do torneo, na que participaron o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira; o concelleiro de Deportes do Concello de Santiago, Manuel Portas; o presidente da Federación Galega de Triatlón, José Ramón Meilán, e o presidente do club Triatlón Bricosa Pedras de Santiago, Jesús Barcala, organizador do evento.

Meilán destacou que o altísimo nivel dos galegos nas categorías inferiores: “Realmente somos unha potencia a nivel nacional e internacional e eso débese ao traballo no deporte escolar, na canteira e no buque insignia que é o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde se están a formar os mellores atletas”.

Pola súa parte, o director xeral asegurou que “non me conformo con gañar nas categorías inferiores, eu quero que sexamos campións en todas as competicións. Galiza é unha auténtica potencia neste deporte e espero poder enfundar moitas medallas de ouro aos nosos deportistas”. Non se esqueceu Domínguez de Gómez Noya, xa que subliñou que “será a primeira proba que dispute en España despois de que se lle devolverá a licenza que nunca se lle debería ter quitado” e tamén se referiu ao magnífico traballo do club Briconsa e da Federación Galega de Triatlón, xa que “con xente así o traballo das administracións é máis doado”.

Pola súa parte, o máximo responsábel de Deportes no Concello de Santiago, Manuel Portas, manifestou que “queremos que Santiago non sexa só un foco de atracción para turistas, senón tamén para grandes acontecementos deportivos”.
O campionato terá lugar este fin de semana entre o estadio de San Lázaro e o Monte do Gozo, en un percorrido que xa se utilizou hai uns días para a disputa do IV Duatlón Concello de Santiago. Na selección galega estarán presentes os internacionais Sara Velo, Tamara Fernández e Óscar Vicente (cadetes); Aida Valiño, Saleta Castro, Iago Rúanova e Iván Cáceres (junior), Antón Rúanova, Manuel Piñeiro e Javi Gómez Noya (sub 23) e David Castro (absoluto).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia