Ir o contido principal
iniciar sesión

Comeza Xpressate en Tui’06 como preámbulo de Play-Doc

Os seis novos talentos escollidos por Play-Doc e Avid Technology para participar no taller Xpréssate en Tui’06 iniciaron hoxe a súa semana de aprendizaxe nesta nova iniciativa que se estrea precisamente en Tui.

O obxectivo, segundo explicou Jose Ramón Rodríguez, Director Xeral de Avid-Technology, é “apoiar aos novos talentos ata o éxito”. O responsable de Avid en España e Portugal fixo un repaso aos obxectivos desta iniciativa cuxo último fin é “promocionar a obra pero tamén o que máis nos interesa é a persoa”, dicía.

Durante esta fin de semana, na aula montada na Área Panorámica os seis realizadores terán a oportunidade de aprender da experiencia de Fernando Pardo, recentemente galardoado cun Goya por “Habana Blues”, posteriormente, de luns a xoves, traballarán xa no seu propio proxecto editando un documental que non superará os cinco minutos, e que o sábado serán proxectados dentro de Play-Doc no Teatro Municipal de Tui. O público será entón quen co seu voto decida quen é o gañador desta edición.

Jose Ramón Rodríguez, na súa intervención ante os medios de comunicación, tivo eloxios para Play-Doc indicando que “xa o ano pasado sorprendeunos gratamente” e engadindo que para a posta en marcha de Xpréssate produciuse unha perfecta simbiose entre Avid e os Directores do Festival tudense.

Para rematar Angel Sánchez, director de Play-Doc xunto a Sara García, indicou que “estamos xuntar sinerxias nun obxectivo común” engadindo que “pretendemos sacar á luz historias que merecer ser vistas e apoiar aos novos realizadores”.

Os seis mozos que participan en Xpréssate en Tui’06 explicaron brevemente a historia que presentarán no seu documental, destacando todas elas pola súa gran carga emocional.

Rafael Salazar trata o problema dos trastornos de aprendizaxe de nenos en “Cando as palabras bailan”, Nacho Cabana conta a curiosa historia dun loitador de loita libre que se converteu sacerdote en “Frei Tormenta, sacerdote e loitador”, “Nada” de Raquel Barreira experimenta co baleiro emocional e físico que produce a perda dun ser querido. O vigués Xacobo Sanmartín con “I love Teis” aborda o desaloxo de 500 vivendas neste barrio debido ao Plan Xeral de Urbanismo, pola súa banda Rubén Pardiñas desdramatiza os problemas territoriais co proxecto “Fronteiras” centrándose na fronteira Galicia Asturias. Finalmente, Mónica Cortés achéganos ao duro traballo das pulpeiras en “O mundo polas mans”.
Play-Doc