Ir o contido principal
iniciar sesión

As unidades didácticas do programa Audiovisual nas Aulas están dispoñibles na Rede

O material formativo do programa Audiovisual nas Aulas está dispoñible na rede, co obxectivo de que poida ser utilizado como ferramenta didáctica polo profesorado que o desexe. Trátase do material de apoio que reciben os alumnos nas tres primeiras fases desde proxecto educativo, que se está a desenvolver en colexios galegos.

A iniciativa, promovida polo Consorcio Audiovisual de Galicia, a Secretaría Xeral de Comunicación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, conta con tres módulos: iniciación ao audiovisual, á animación e á televisión.

As unidades didácticas facilítanse individualmente a cada alumno participante no proxecto Audiovisual nas Aulas que se está a desenvolver en 60 centros de toda Galicia como plan experimental dende o curso 2003-2004.

As unidades didácticas foron realizadas por un equipo coordinado por Miguel Vázquez Freire, no que colaboran especialistas como Chema Aguilera, Tino Santiago, Rosario Belda , Rubén López e historiadores como Xosé Nogueira, José Luis Castro de Paz, Eduardo Galán, Jaime Pena, etc.

De cara ao curso 2006-2007 están a prepararse as correspondentes a Multimedia e Novas Tecnoloxías, que tamén estarán dispoñibles na Rede no seu momento.

As unidades didácticas pódense descargar na sección de publicacións da páxina web do Consorcio Audiovisual de Galicia (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia