Ir o contido principal
iniciar sesión

Un total de 140 mozos de orixe galega procedentes de 12 países e 9 comunidades participan nuns obradoiros formativos para a emigración que apostan polas novas tecnoloxías

Os obradoiros formativos dirixidos á Galicia exterior, que organiza a Secretaría Xeral de Emigración e nos que colabora o Igaem, contarán coa participación ao longo dunha semana de 140 mozos e mozas de orixe galega procedentes de 12 países e 9 comunidades autónomas. A presente edición pretende ser unha “aposta definitiva por adaptar a oferta de actividades ás demandas reais da sociedade”, segundo sinalou o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, que presidiu o acto de inauguración dos obradoiros.

A edición de 2006 engade aos tradicionais obradoiros sobre técnicas de teatro, técnicas de danza e baile folclórico, música tradicional galega, técnicas de percusión e confección de compoñentes de gaita, dúas novas programacións, unha sobre o emprego de novas tecnoloxías e Internet, e outra sobre dinamización e comunicación social, precisamente os cursos que maior demanda tiveron por parte dos participantes.

A Secretaría Xeral de Emigración pretendeu na configuración da nova programación harmonizar os aires de cambio que percorren a emigración, os novos retos que suscita a sociedade globalizada á que se fai fronte, a necesidade de superar os vellos e ineficaces modelos de cultura que se incentivaron no pasado, e a obriga de escoitar as demandas que formulan os mozos e mozas da Galicia exterior.

“A necesidade de superar o folclore como a única expresión da cultura galega fomentada no emigración durante os últimos anos polo anterior goberno”, sinalou o secretario de Emigración, impulsou á nova Xunta a orientar os obradoiros cara novas áreas, de xeito que, no caso das novas tecnoloxías, “os novos formadores emprendan, de volta aos seus respectivos países e comunidades autónomas, o necesario proceso de modernización e dinamización das entidades galegas para o seu desenvolvemento nunha sociedade global, heteroxénea e completa”, e se convertan, asemade, nos principais impulsores do portal galiciaaberta.com, en tanto que ferramenta de contacto e interactuación entre os cidadáns galegos no exterior e Galicia, e que actualmente se atopa nunha fase de mellora a fin de resultar máis accesible, eficaz, participativo e dinámico.

O obradoiro de comunicación social, pola súa banda, persegue a dinamización das entidades no exterior e as oficinas de información, baseándose nunha aposta pola calidade na prestación dos servizos de atención, asesoramento e comunicación ao público, razón pola cal se formará á xuventude en aspectos como o márketing e a difusión da información, a participación social e os movementos comunitarios, ou as técnicas de mediación social.

Rede de formadores de formadores

Os obxectivos que pretenden acadar os obradoiros son, nun primeiro momento, “o establecemento dunha canle de comunicación normalizada e fluída coas novas xeracións das entidades galegas”, en tanto representan o natural relevo das actuais directivas. En segundo lugar, “a creación dunha rede de formadores especializados”, tanto en actividades socioculturais como nas políticas de emigración do goberno galego, coa fin de mellorar os servizos que prestamos no exterior pero tamén de racionalizar recursos podendo nun futuro próximo realizar estes obradoiros nos países de acollida nos que hai demanda por parte da cidadanía galega. E por último, “a mellora da oferta formativa existente, apostando polas novas tecnoloxías e a comunicación social, eidos sobre os que dirime a competitividade dunha sociedade”, subliñou Manuel Luís Rodríguez.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia