Ir o contido principal
iniciar sesión

Galiza Nova ante as políticas xuvenís desenvolvidas pola Xunta de Galiza

En primeiro lugar, é chamativo que as mocidades do Partido Popular misturen nas mesmas declaracións as actuacións do goberno central e as da Xunta –que é quen ten as competencias de mocidade- no seu habitual centralismo, confundindo e desinformando interesadamente. No relativo ás políticas de mocidade do PP desenvolvidas en Galiza e reivindicadas agora, as mozas e os mozos xogabamos un papel de simples consumidores pasivos dunhas políticas enlatadas e anquilosadas, que se reducía basicamente a un determinado tipo de ocio (acampamentos, etc...) sen que se atendera aos principais problemas como o emprego, a vivenda, a sexualidade, a normalización lingüística, etc... No caso do nacionalismo xuvenil, nunca se criticou de xeito gratuíto o labor dos diferentes gobernos autonómicos, senón que se fixeron e fan plantexamentos políticos serios e alternativas. Outra política xuvenil non só era posíbel senón que resultaba imprescindíbel.

Nun breve período de tempo desde a mudanza de goberno, asistimos a unha mudanza nos obxetivos xa que se parte dunha concepción transversal (que atenda ao emprego, á vivenda, á sexualidade, á lingua, ao ocio, etc...) e pensada desde Galiza e para a mocidade galega; e tamén un cambio nas formas de actuar, xa que, por exemplo, mantívose unha xuntanza con preto de 150 persoas das prinipais asociacións xuvenís e solidarias de Galiza, e discutiuse coas asociacións os novos criterios de subvencións, superando o escurantismo e clientelismo practicado –aquí tamén- polos gobernos do Partido Popular.

Por último, é evidente que si que cambiaron as políticas de mocidade, que é o que non soporta o Partido Popular: como realidades tanxíbeis, podemos falar xa da futura constitución dunha Rede Galega de Centros de Información Afectivo Sexual ou da primeira campaña de normalización lingüística dirixida á mocidade, o proxecto “A Cultura Circula” para facilitar a expresión cultural e artística da mocidade, entre outros moitos exemplos nos máis diversos eidos. Desde esta perspectiva integral da mocidade, tamén se interveu activamente por exemplo ante a polémica do “macrobotellón”, defendendo a mocidade enfrente da criminalización mediática e percurando alternativas aos problemas de convivencia, o que vén a ser xusto o contrario do que promovía o Partido Popular, especialmente na figura do ex-Presidente da Xunta Manuel Fraga, que mesmo criticaba que o estudantado se mobilizase ante reformas educativas.

En relación coas políticas de vivenda procedeuse á substitución duns programas catastróficos para a mocidade, que permitiron un desmesurado incremento do gasto público, que non garantiron que as axudas beneficiasen exclusivamente ás persoas que o precisaban, e que non garantiron a posta no mercado de vivenda baleira- e supuxo un incremento do prezo medio dos alugueres en Galiza. Algunhas medidas como a Hipoteca Xove concedía as axudas máis elevadas precisamente aos mozos que tiñan capacidade para comprar as vivendas máis caras, e permitiron que xente capaz de pagar 481.000 euros percibía axudas dentro do plano de Vivenda 2002-2005, e o funcionamento da Bolsa provocou tamén como efecto “perverso”, un incremento do 20% no prezo medio de aluguer de Galiza.

Cando o Partido Popular tamén critica o mantemento de programas do anterior goberno, como o Xuventude Galiza Net, prefire eludir que se ben se respeitou o continente, introducironse importantes modificacións no contido, como a aposta polo galego nas novas tecnoloxías, o software libre ou a edición dun Trivial en galego –e con preguntas relativas a Galiza- como un pequeno paso máis para normalizar a nosa realidade no ocio. Desde logo que o camiño por percorrer é longo, xa que durante o goberno de Manuel Fraga Iribarne o galego experimentou a maior perda de falantes de toda a súa historia, especialmente na nosa xeración.

Por último, as políticas de emprego do PP non son nada para reivindicar, xa que tiveron un resultado que é reiteradamente repetido por todo tipo de informes oficiais: construir o mercado laboral máis precario e inestábel de Europa para a mocidade, cun 90% de contratos temporais, centos de mozas e mozos a emigrar cada ano, e un salario medio un 30% máis baixo para os mozos que para o resto de traballadores, nunha liña aínda máis acentuada no caso das mozas.

Desde Galiza Nova queremos remarcar que, se ben a valoración é positiva, non somos conformistas en absoluto coa situación da mocidade galega nen coas políticas desenvolvidas pola Xunta, e que seguiremos a debater, propoñer e reivindicar alternativas políticas concretas para a mocidade e os seus principais problemas, como facemos a diario a nível local, comarcal e nacionalo, para transformar as condicións materiais de vida da nosa mocidade e impulsar un futuro de xustiza e liberdade para Galiza.
Gabinete de Prensa de Galiza Nova