Ir o contido principal
iniciar sesión

Máis de 1.200 nenos enchen Vigo co mellor voleibol nacional

Tivo lugar a presentación do Campionato de España de Voleibol Infantil e Cadete que concentrará en Vigo, entre o 17 e o 24 deste mes a máis de 12.000 nenos e nenas do voleibol nacional.
Á presentación deste campionato, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura e Deporte e o Consejo Superior de Deportes, asistiron, ademais de Santiago Domínguez Olveira, o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Manuel Touriño; a concelleira de Deportes de Vigo, Lucía Molares, e Antonio Montalvo, subdirector xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico do CSD.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, afirmou que “estamos moi satisfeitos e orgullosos de facer este gran esforzo na aposta pola base. É moi bo facer grandes eventos, pero debemos implicarnos igualmente cando se trata de nenos e nenas ou de rapaces e rapazas. Cando nos ofreceron este campionato puidemos facelo normal, pero quixemos afanarnos nun gran esforzo de presuposto e organización para que todo iso se vexa traducido en que todo o mundo se sinta moi a gusto nesta fermosa cidade”.

Antonio Montalvo, representante do Consejo Superior de Deportes, dixo que “vai haber un antes e un despois do campionato que se celebra en Vigo porque non vai haber dispersión dos partidos por distintos pavillóns, e todos os amantes do voleibol poderán gozar de todos os partidos nun único recinto, o que é un valor engadido á competición”.

José Manuel Touriño, presidente da federación galega, afirmou que “estamos traballando para que o voleibol galego medre. Nesta nova etapa con Santiago Domínguez á fronte da Dirección Xeral ímoslle facer traballar moito para conseguir o noso obxectivo, que é duplicar o número de participantes”.

O director xeral para o Deporte agradeceu a presenza e o apoio de todas as empresas colaboradoras na organización deste evento. Na roda de prensa estiveron tamén presentes representantes de todo voleibol galego, coma Cristóbal Álvarez –xogador do Valery Karpin- e Noelia Sánchez –xogadora do C.V. Ribeira Sacra-, ou os adestradores Flavio Calafell e Juan Fernández.

Logo da rolda de prensa realizouse un percorrido polas instalacións de IFEVI, onde se instalaron oito pistas de voleibol nunha soa nave, e se colocaron 36 vestiarios, o que supón un grande esforzo de organización co obxecto de facilitar os movementos e o día a día dos participantes. Ao carón destas pistas dispúxose tamén unha zona de ocio na que haberá un touro mecánico, tiro con arco, rocódromo e outras actividades de lecer.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia