Ir o contido principal
iniciar sesión

O Lusocom reúne máis de 300 películas inéditas de Brasil, Mozambique, Angola, Portugal e Galicia

A Facultade de Ciencias da Comunicación crea o Fondo Audiovisual da Lusofonía que reúne máis de 300 películas realizadas nos últimos anos nos países da lusofonía. Durante os últimos meses traballadores e organizadores do congreso Lusocom2006 traballaron para a consecución deste material que se exhibirá na Primeira Feira de Produtos Audiovisuais “Viaxes na Lusofonía”.

O evento que se celebrará os días 20, 21 e 22 de abril servirá de foro de intercambio de experiencias entre os productores e traballadores do audiovisual dos distintos países participantes.

O obxectivo da primeira feira destas características que se celebra en Galicia é convertilo nun referente de intercambio de produción audiovisuais e, no caso galego, que o sector audiovisual se reforce neste intercambio e acade acordos relevantes cos outros países tanto en materia de produción como de distribución de contidos.

Os encontros que se celebran entre os profesionais asistentes a esta reunión intentarán crear e consolidar redes de cara á coprodución e tamén cara á distribución. Foro de coprodución estable no marco do Lusocom.
A mostra permitirá ao público ver peliculas non distribuidas nos circuitos de distribución masiva e, ao mesmo tempo, a exhibición dos produtos de produtores independente de Galicia e doutros países.

Asociación Galega de Investigadores de Comunicación

Baixo o título ´Comunicación local: da pesquisa á produción´, os participantes debatirán sobre a importancia dos medios de comunicación locais nun sistema comunicativo cada vez máis globalizado. A relevancia das radios locais, especialmente importante nos países africanos, ou o agromar das novas tecnoloxías serán algúns dos temas tratados polos participantes no evento.

As áreas temáticas nas que se distribuirán os contidos da Lusocom 2006 son prensa, radio, televisión, internet/multimedia, cine e fotografía e industrias culturais. Estas temáticas abranguen, a súa vez, distintos ámbitos de investigación, o que permitirá acoller as distintas achegas multidisciplinares á comunicación. O evento está organizado pola Asociación Galega de Investigadores de Comunicación (AGIC) promovida pola Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación, da que forma parte xunto coas asociacións de investigadores de Angola, Brasil, Mozambique e Portugal.

As últimas edicións de Lusocom foron en Maputo (Mozambique) no 2002 e na Covilhá (Portugal) no ano 2000 cunha importante participación de investigadores galegos.

Máis información en www.lusocom2006.com
Gabinete de Comunicación da USC