Ir o contido principal
iniciar sesión

Bota a andar en Vigo o Campionato de España de Voleibol infantil e cadete

Dende as nove e media da mañá, as instalacións de IFEVI acollen os enfrontamentos do Campionato de España de Voleibol por seleccións autonómicas para as categorías de Infantil e Cadete, que se prolongará ata o vindeiro luns, día 24. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asistía á inauguración oficial, nun acto no que estiveron presentes todas as delegacións participantes.

Despois dun desfile representativo de cada comunidade participante, tivo lugar unha actuación de música e baile rexionais que deu paso ás intervencións das autoridades. O xefe de área deportiva do Consejo Superior de Deportes, Juan Manuel Hueli, agradeceu “o grande esforzo da organización para reunir nun só recinto a 1.125 nenos”, algo ata agora inédito e que sentará un precedente na organización de probas deportivas de grandes dimensións”.

Pola súa banda, a conselleira Ánxela Bugallo gabou tamén as labores de organización dos últimos meses e agradeceu o traballo da Dirección Xeral para o Deporte –cuxo titular, Santiago Domínguez, asistiu tamén á inauguración-, “sen o que este campionato non sería posible”. A conselleira aproveitou para “convidar aos rapaces e aos seus acompañantes –técnicos deportivos e familiares- a que fagan proveitosa a súa visita a Galiza, tanto a nivel deportivo como de convivencia, para que axiña volten de novo”.

Por parte do Concello de Vigo, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, deulle a benvida á cidade a todas as expedicións e convidounos a coñecela.

Máis información en: www.deportegalego.es


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia