Ir o contido principal
iniciar sesión

A Universidade de Santiago convoca 1.082 bolsas Sócrates-Erasmus para o curso 2004-05

O Vicerrectorado de Relacións Exteriores e Proxección Universitaria da USC convoca 1.082 bolsas do programa Sócrates/Erasmus para estadías en Facultades e Universidades de vinte e dous países europeos o vindeiro curso académico 2004-05. A convocatoria diríxese a estudiantes da USC matriculados en primeiro, segundo, terceiro ciclo, tese ou proxecto coa finalidade de que realicen en diversas universidades europeas estudios conducentes á obtención dun título oficial, que será recoñecido pola USC. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de marzo de 2004.
Os estudantes solicitantes poderán elixir o destino entre universidades de Portugal, Holanda, Italia, Alemaña, Francia, Hungría, Noruega, Austria, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Bélxica, Grecia, República Checa, Islandia, Malta, Suecia, Lituania, Estonia, Finlandia, Polonia e Romanía.
Segundo os criterios que establece a USC para estas bolsas, os estudantes terán a matrícula de balde na universidade estranxeira de orixe aínda que deberán aboar á USC os prezos públicos establecidos para os estudios universitarios que fagan no curso 2004-05.
Para contribuír a sufragar os gastos adicionais (viaxe, preparación lingüística e diferencia do custo da vida no país de acollida) a Unión Europea concederá unha axuda que, en función da data na que se reciban os fondos de Bruxelas, se abonará aos estudiantes en dous pagamentos, o primeiro dentro do último trimestre do ano 2004 (80%), e o segundo no primeiro trimestre do ano 2005 (20%). Ademais, a USC concederá aos bolseiros unha axuda complementaria, de contía variable, que se fixará en atención á dispoñibilidade orzamentaria e á duración das bolsas e que se fará efectiva nun pago único no mes de xullo de 2005. Finalmente, a Xunta de Galicia concede anualmente axudas económicas destinadas a estudiantes de calquera das universidades desta Comunidade Autónoma cunha bolsa Sócrates/Erasmus.
As solicitudes desta convocatoria dirixiranse ó vicerreitor de Comunicación e Proxección Exterior e presentaranse en Rexistro acompañadas dunha fotocopia do DNI ou Pasaporte, certificado de matrícula na USC no presente curso, fotocopia do certificado académico da persoa solicitante, certificado da entidade bancaria de ter aberta unha conta a nome do interesado e o formulario de candidatura cunha fotografía tamaño carné. Todos os documentos e formularios atópanse dispoñibles para a súa descarga na páxina web da Oficina de Relacións Exteriores http://www.ti.usc.es/exteriores.
Gabinete de Comunicación