Ir o contido principal
iniciar sesión

Jit! protagoniza unha nova xornada do Directo Xove 06 no pub Zeus de Cangas

O proxecto Directo Xove 06 organizado pola Concellería de Xuventude do Concello de Cangas (Pontevedra), supera o seu ecuador coa actuación de Jit! no pub Zeus, o 5 de maio a partir das 23.30 horas, con entrada gratuíta. A banda de rock ofrece o sétimo concerto dos doce que configuran o programa do Directo Xove 06, sen contar as dúas xornadas musicais que terán lugar na praia de Rodeira o vindeiro mes de xuño.

Jit! naceu por iniciativa de Fernando Padín e Jesús Portas no inverno de 2005, a raíz da construción dun local de ensaio creado a partir dun galiñeiro en Pinténs (O Hío). O grupo comezou a ensaiar coa incorporación de Ángel Fernández e Luis Montenegro –a quen logo substituiría Jorge Lorenzo-, definindo o seu estilo nas achegas do rock clásico. Carlos Lamosa e Eugenio uníronse recentemente ó conxunto, aportando ó cuarteto base o son do teclado e dunha nova guitarra.

No concerto de Cangas, Jit! ofrece unha mostra do seu variado repertorio, que abrangue dende temas contundentes ata propostas máis melódicas, sen peder de vista o norte da orixinalidade e o coidado na composición. As súas letras sarcásticas, cantadas en castelán, marcarán outra potente actuación ó vivo no Directo Xove 06.

Toda a información sobre o programa organizado pola Concellería de Xuventude de Cangas, que dirixe José Luis Gestido Porto, está dispoñible na páxina web www.directoxove.com, onde público e participantes poden deixar a súa opinión sobre o proxecto.

Carmen Novas (Gabinete de Comunicación Saraiba Produccións)